CIG traslada a preocupación e alarma polo asasinato de sindicalistas en Colombia

A central denunciará estes ataques e ameazas nos organismos internacionais
Nacional - 06 Feb 2017

A Confederación Intersindical Galega amosa a preocupación e alarma polas últimas novas que se coñecen a respecto da situación en Colombia e, nomeadamente, polo incremento dos asasinatos, atentados e ameazas contra o movemento sindical.

A pasada semana foi un atentado durante a noite contra Augusto Almeira, Secretario de Organización de Sintramienergética El Paso, na Loma de Calenturas (El Paso), cando saía do seu domicilio cara ao seu traballo na Mina El Descanso, da compañía  Drummond. Afortunadamente, puido saír ben parado, ao darse conta e refuxiarse na súa casa.

O compañeiro Augusto Almeida, o mesmo que toda a Directiva de Sintramienegética de El Paso, foran ameazados o 18 de xaneiro, e xa recibiran na sede do sindicato unhas coroas fúnebres o ano pasado, ademais de ameazas telefónicas e polas redes sociais.

O 7 de xaneiro deste ano tamén foi asasinado de madrugada o compañeiro Aldemar Parra García, nas mans de dous sicarios que, subidos nunhas motos, disparáronlle varias veces. Parra era traballador da empresa Colombian Natural Resources (CNR) filial do grupo empresarial norteamericano Munarry Energy Corp., e tamén era afiliado ao sindicato Sintramienergética.

Estas acción non son un feito illado e, segundo vimos coñecendo, son moitos os casos de violencia contra sindicalistas e activistas sociais, tanto en Colombia, como noutros países de América Latina.

Denunciamos esta situación publicamente e farémolo tamén diante dos organismos internacionais, comezando pola OIT. Ao tempo, a CIG traslada toda a solidariedade ás familias e compañeiros/as dos compañeiros que sufriron eses ataques, e ao resto de traballadores e traballadoras que sofren este tipo de agresións, só por defender os dereitos da clase obreira.

Desde a CIG, todo o noso apoio!

A loita é o único camiño!

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2017