A CIG traslada a realidade social e económica de Galiza á Comisión Europea de Emprego e Asuntos Sociais

Unha delegación da CIG viaxou a Bruxelas para participar nun encontro no que tamén interviron diversos colectivos sociais galegos
A Coruña - 22 Set 2016
A CIG levou a situación social e económica de Galiza até o seo da Comisión Europea de Emprego e Asuntos Sociais, no marco dun encontro promovido polo BNG e no que diversos colectivos sociais galegos expuxeron á institución as condicións que enfronta a nosa mocidade, o alarmante incremento do número de familias en risco de exclusión ou o drama que significa a emigración para o noso país. Pola súa banda, a delegación da central sindical subliñou a necesidade de promover políticas económicas, laborais e sociais que axuden  a superar a crise, mais “pola vía de construír unha Europa máis social, máis xusta e máis democrática”.

Na véspera da visita á Comisión, a delegación da CIG mantivo unha entrevista con Fintan Farrell, Director da oficina da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social- EAPN, quen explicou á delegación da CIG, encabezada polo Secretario Xeral, Xesús Seixo, que a entidade está a promover a creación dunha comisión que debata sobre a posibilidade de implantar unha renda mínima en todos os países da UE. Tamén informou que se está a discutir no Parlamento Europeo a necesidade de que os estados membros incrementen os investimentos destinados a combater a pobreza, fixando unha porcentaxe nos orzamentos a tal fin.

A este respecto, Seixo transmitiu a preocupación da central sindical pola baixa calidade do emprego que se está a crear en Galiza, con salarios de miseria e contratos de escasa duración. Unhas condicións que provocan que cada vez haxa máis traballadores e traballadoras que, a pesar de ter un emprego, non obteñen ingresos suficientes para vivir. Reaparece así a figura do “traballador/a pobre”.

A esta precariedade do mercado laboral hai que engadirlle as consecuencias das contrarreformas e os recortes en pensións, prestacións e servizos públicos que os gobernos impuxeron nos últimos anos .

Entrega do Informe sobre o mercado laboral á Directora Xeral

Esta dramática realidade foi exposta por Seixo á Directora Xeral de Emprego e Asuntos Sociais da Comisión Europea e ao responsábel do seguimento do Fondo Social Europeo para o Estado español, con quen se entrevistou ao día seguinte. No encontro, que en principio estaba previsto coa propia Comisaria, e que foi promovido polo BNG, tamén participaron representantes de diversas entidades e colectivos como "Os ninguéns", a Oficina de Dreitos Sociais COIA, COGAMI, ONG ACEEM, ONGD Viraventos, Galiza Nova, un voceiro dos traballadores/as de SEAGA, así como un representante da Universidade de Vigo e persoas relacionadas co sector da innovación e a investigación.

Nas súas intervencións abordaron a situación da mocidade galega, o alarmante incremento do número de familias en risco de exclusión ou o drama que significa a emigración para o noso país.

Durante o transcurso do mesmo, a CIG fixo entrega do informe elaborado polo Gabinete Técnico Confederal a respecto da situación socio-laboral en Galiza durante o ano 2015. Así mesmo, Seixo demandou a Directora Xeral que dea traslado á Comisión Europea, e por medio desta ao Goberno español, “da necesidade de promover políticas económicas, laborais e sociais que axuden a superar a crise pola vía de construír unha Europa máis social, máis xusta e máis democrática”.

A destacar o feito de que por primeira vez nunha institución europea se posibilitou ás e aos visitantes galegos falar no seu idioma, xa que en todo momento contaron con tradución simultánea para o español e o inglés.

A seguir reproducimos a intervención de Xesús Seixo na xuntanza:

A crise económica iniciada no ano 2008, xunto coas políticas económicas, laborais e sociais promovidas polos sucesivos gobernos españois, en moitos casos por esixencia ou coa colaboración de institucións europeas como a Comisión Europea ou o Banco Central Europeo, están a supor un empeoramento real das condicións de traballo e da calidade de vida para amplos sectores da sociedade galega, especialmente das súas clases traballadoras, así como un significativo incremento das desigualdades sociais, o que entraría en contradición coa idea e cos obxectivos que supostamente persigue a UE para os e as cidadáns das diferentes nacións que a conformamos. Serva como exemplo do que estou a dicir os seguintes datos sobre desemprego, contratación temporal, salarios ou pobreza, en definitiva sobre a imposición dun modelo de mercado laboral absolutamente precarizado:

. Desde o inicio da crise, ano 2008, perdéronse en Galiza 193.700 postos de traballo, un 16,1% sobre o total existente naquel momento, afectando esta destrución do emprego de forma moi directa aos menores de 35 anos, colectivo no que se perderon 100.000 empregos só desde o ano 2010. Esta destrución de emprego deuse no sector da construción, pero tamén de forma moi importante no sector industrial e no sector primario que en Galiza ten moito peso no seu PIB.

. O nivel de desemprego é do 19,3% da poboación activa (243.400 persoas desempregadas). Delas, o 50% levan máis dun ano no desemprego e só o 49,1% cobra algún tipo de prestación. Si ao colectivo de persoas desempregadas lle sumamos os traballadores e traballadoras cuxos ingresos son inferiores ao 50% do SMI, é dicir, que os seus ingresos anuais non chegan a 2000€ e que polo tanto é irrisorio darlle a estas persoas a condición de traballadores/as en activo (177.314), estaríamos a falar en total dun colectivo de 420.714 persoas que representan un 33,3% da poboación activa e que nunha grande parte corren un risco serio de caer na pobreza e na exclusión social.

. Polo que respecta á contratación temporal afecta hoxe ao 25,4% do total das persoas asalariadas. Nestes momentos, o 92,6% de todos os contratos que se fan ao ano son de carácter temporal, sendo os máis frecuentes os de duración inferior a unha semana, en concreto o 30,7%, moitos deles contratos a tempo parcial. Estamos a falar pois dunha modalidade de contratación totalmente abusiva, de carácter non voluntario por parte das persoas que se ven afectadas e, na grande maioría dos casos, acompañada de baixos salarios, xornadas abusivas de traballo, baixa cotización á seguridade social, horas extras non abonadas, etc. Unha modalidade de contratación, por certo, que afecta tanto a persoas con baixa titulación profesional como a persoas con titulación académica superior e que se utiliza tanto por parte do sector privado como das administracións públicas.

. Polo que respecta aos salarios, desde o inicio da crise deuse unha perda xeneralizada do poder adquisitivo dos mesmos, perdendo globalmente peso no PIB respecto ás rendas do capital o que está a contribuír a un incremento importante das desigualdades sociais. É ilustrativo ao respecto o seguinte dato: os únicos colectivos de asalariados/as que se incrementaron desde o inicio da crise foron aqueles que ganan menos do 50% do SMI (estamos a falar duns ingresos anuais inferiores a 2000€ ) ou ben o colectivo que ten uns ingresos salariais ao ano superiores a dez veces o SMI (uns ingresos superiores a 78.360€), é dicir 75 veces superiores aos máis baixos. A isto habería que engadirlle que as grandes fortunas galegas,neste mesmo período de crise, incrementaron o seu patrimonio en 7.000M€.

Todos estes datos sitúannos nun escenario no que o noso país, Galiza, está a perder poboación, fundamentalmente menor de 35 anos, que busca na emigración a outros países de Europa e do mundo unha saída profesional e de vida, así mesmo, o nivel de precariedade, en condicións de traballo e salariais, está chegando a uns extremos onde a pobreza e o perigo de exclusión social afecta mesmo a traballadores/as con emprego, dándose a paradoxo e o contrasentido de que nun momento histórico en que, en razón dos grandes avances tecnolóxicos e dunha mellor formación profesional da poboación, temos máis capacidade para producir riqueza, a mocidade ten que incorporarse ao mercado de traballo en peores condicións que a xeración dos seus pais.

En conclusión, as políticas fiscais, as políticas de recorte do gasto público, as reformas laborais en materia de contratación, despedimentos ou negociación colectiva, xunto coa reforma do sistema público de pensións, o que están a facer é a empeorar toda esta situación, co agravante de que estamos a falar de políticas que se promoven, non con carácter conxuntural para superar este momento de crise económica, se non que todo indica que veñen con vocación de permanencia.

Ao noso entender, e ese é o temor e a preocupación que queremos transmitirlle, estas políticas responden a un modelo económico e laboral que ven para quedarse, que neste momentos afecta fundamentalmente ás nacións da periferia da UE pero que se vai ir estendendo paulatinamente ao resto dos Estados, consolidándose así un modelo de UE que responde máis aos intereses das grandes corporacións económicas que aos intereses da maioría social.

A situación laboral e social pois que vive hoxe a clase traballadora galega, e en xeral a clase traballadora de todo o Estado español, supón na práctica unha vulneración dos dereitos sociais e laborais recollidos na CARTA SOCIAL EUROPEA, por iso, como representante dunha central sindical dun país da UE, solicito de Vde. que, na súa calidade de Comisaria de Emprego e Asuntos Sociais e polo tanto unha persoa sensíbel a esta problemática que veño de expor, traslade á Comisión Europea, e por medio desta ao Goberno español, a necesidade de promover políticas económicas, laborais e sociais que nos axuden a superar esta crise pola vía de construír unha Europa máis social, máis xusta e máis democrática.

Suso Seixo, secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG).