A CIG traslada a solidariedade coa CTC e co pobo cubano
Hoxe cúmprese un ano dun dos moitos ataques que a Revolución Cubana ten sufrido contra a súa soberanía por parte do imperialismo ianqui e a colaboración das principais potencias occidentais, ao servizo do gran capital e o neoliberalismo, como outro intento máis de destruír o exemplo de modelo político e social que Cuba representa para o resto do mundo. Utilizando para isto todo tipo de estratexias e guerras sucias para provocar estoupidos sociais, e sen importarlle os efectos que estes poden causar sobre o propio pobo, de igual xeito que veñen facendo con ese ilegal e inhumano bloqueo.
Dende Galiza, dende este continente cunha guerra dentro das súas fronteiras e a aposta belicista irresponsábel das e dos mandatarios/as europeos, submisos aos intereses dos EUA e a OTAN, queremos resaltar o papel que Cuba vén xogando tradicionalmente a nivel internacional, apostando sempre pola paz e a solidariedade cos pobos do mundo, ta e como se viu durante a pandemia; na que as grandes institucións, como a propia Unión Europea, estiveron desaparecidas no seu momento máis crítico, e só as brigadas médicas cubanas apareceron en escena para prestar súa colaboración.
Dende a Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciamos, unha vez máis, as manobras inxerencistas dos EUA e reiteramos o noso apoio e solidariedade ao proceso do que os traballadores e as traballadoras e a ampla maioría do pobo cubano foron os auténticos protagonistas, e que manteñen vivo a base de resistencia, traballo colectivo e creatividade, ante as dificultades que o duro bloqueo lles supón.
Así mesmo, repudiamos a nova escalada imperialista contra os pobos soberanos, non só Cuba, senón tamén Venezuela, Nicaragua e outros pobos que ven ameazado o seu dereito de autodeterminación, como o pobo palestino, o saharauí ou o curdo. E denunciamos a escalada belicista de expansión da OTAN, anunciada sen reparo na última cimeira de Madrid, como estratexia para evitar un mundo cada vez máis multipolar, marcando como claros obxectivos a outros países emerxentes, como Rusia e China, e definindo como ameza ao fenómeno migratorio, que esas mesmas potencias teñen causado, ao provocar guerras nos seus territorios e esquilmar os seus recursos naturais.
Dende Galiza toda a nosa solidariedade cos compañeiros e compañeiras da Central de Traballadores/as de Cuba, e con todo o pobo cubano e a súa revolución.
Até a vitoria sempre!
Santiago de Compostela, a 11 de xullo de 2022