A CIG amosa o seu apoio á folga xeral convocada en Catalunya pola I-CSC

A central comparte todos os obxectivos do paro do 7 de febreiro

Internacional -

A CIG quere trasladarlle todo o apoio e a solidariedade aos compañeiros e compañeiras da Intersindical-CSC de cara á folga xeral que teñen convocada, tanto no sector público como privado, para o vindeiro 7 de febreiro, baixo o lema "Sen dereitos non hai liberdade". Dende a central agardamos que a convocatoria sexa un rotundo éxito de participación da clase traballadora de Catalunya.

A central sindical comparte plenamente os obxectivos da convocatoria, polos que a CIG xa realizou tamén diferentes campañas e mobilizacións: a derrogación total da reforma laboral de 2012, o incremento do salario mínimo até unha cantidade digna, a recuperación dos dereitos perdidos nos últimos anos coa escusa da crise (eixo central da nosa acción sindical actual), a plena igualdade de xénero nos centros de traballo, os avances cara a un modelo de función pública de calidade e con condicións laborais dignas, etc. 

A CIG coincide na estratexia de mobilización da clase traballadora para presionar a empresas e gobernos na defensa dos nosos dereitos

A CIG coincide tamén na estratexia de mobilización da clase traballadora para presionar a empresas e gobernos na defensa dos nosos dereitos, tanto individuais como colectivos; como instrumento de reivindicación diante dos abusos que propiciaron o empeoramento e precarización das condicións laborais. Dende a CIG temos claro que o diálogo social non é útil en si mesmo se supón constantes concesións e perda de dereitos, e creemos que, diante dos abusos, debemos enfrontar a forza do traballo.

Por isto, a CIG trasládalle aos compañeiros e compañeiras da I-CSC todo o noso apoio, así como a toda a clase traballadora catalá, e desexamos que a convocatoria sexa todo un éxito e que consiga os obxectivos polos que se levará a cabo.

Dende a CIG, dende Galiza, ánimo compañeiros/as!

Volver