A CIG traslada a súa decepción pola falta de contidos e compromisos na "breve" reunión coa presidenta de Navantia

Non houbo concrecións na carga de traballo, potenciar as distintas áreas, nin sobre a construción do dique

Ferrol -

"Xuntanza breve, sorpresiva e baldía en contidos. Unha presentación sen indicios dun futuro despexado para a Ría de Ferrol, nin a curto, nin a medio, nin a longo prazo", con estas palabras resume a sección sindical da CIG en Navantia Ferrol o encontro mantido este luns coa presidenta da empresa pública, Belén Gualda, durante a visita aos estaleiros.

Este é a segunda reunión que Gualda ten co comité, desta volta con carácter presencial, mais nada se aclarou a respecto da carga de traballo ou dos investimentos para as instalacións de Fene e Ferrol. De feito, sinalan dende a sección sindical da CIG, a presidenta limitouse a poñer o énfase nas F-110 e esperar a esa carga de traballo, "con esforzos denodados para convencernos de que ese é o futuro e a salvación da Ría de Ferrol. Como se fora o primeiro programa de fragatas que se constrúe en Ferrol".

Áreas fundamentais como Turbinas ou Carenas, desatendidas

Porén, non avanzou nada mais sobre o resto da carga de traballo. No relativo a Turbinas xa se fixo a presentación dun proxecto que podería ser interesante pero que depende de presupostos que están sen concretar, "polo que hai que agardar para vermos como e cando se materializa". Sobre os proxectos relacionados coa enerxía eólica, Gualda non contestou ante a crítica dunha falta de estratexia para implicar máis a Navantia neste tipo de proxectos e evitar que Fene remate sendo un simple almacén de Windar. En canto a Carenas, a pesar da insistencia por parte da CIG, "nin mención".

No capítulo de investimentos, unha vez máis preténdese fialo todo ao novo taller de sub-bloques, "tamén con esforzos denodados para convencernos de que é un grande esforzo económico, cando todos os informes indican que non vai achegar nada ao proxecto das fragatas e mesmo que a construción do taller sen o dique é contraproducente para o proceso produtivo".

Sen compromisos para o dique cuberto

A representación da CIG salienta que na reunión evidenciouse que a presidenta de Navantia non fora informada "de que non temos guindastre para montar os bloques na grada" e do novo dique cuberto no fixo nin  mención.  "Como moito, propón darlle unha volta a cuestión do taller para que sexa o más funcional posíbel, malia lle termos advertido que para nós e para a comarca de Ferrol este dique cuberto é irrenunciábel".

Por último, dende a dirección de Navantia afirmouse Ferrol vai ser un referente co xemelgo dixital previsto no proxecto das fragatas, que no plano sociolaboral se vai cumprir o convenio (como se respectar o marco regulador fose opcional) e tamén se prometeu, para o ecuador do Plan Estratéxico, realizar unha avaliación de como se están a cumprir os obxectivos.

Dende a sección sindical da CIG critican a falta de contido e concrecións desta reunión, que ademais se convocou pouco antes da súa celebración. "Se a primeira xuntanza telemática de presentación xa fora breve e protocolaria, agora repítese presencialmente. Despois de varios meses na presidencia, este encontro xa debera ser unha xornada de traballo", aseveran.

Volver