A CIG traslada ao BNG a necesidade de máis políticas públicas e máis autogoberno para enfrontar a crise derivada da declaración do estado de alarma

Coincidiron na necesidade de que se paralice toda a actividade e se aprobe un paquete de medidas sociais
Nacional - 27 Mar 2020

Unha delegación da executiva da CIG reuniuse cunha representación da executiva do BNG este venres, por videoconferencia, para analizar a situación derivada do estado de alarma declarado diante da expansión do coronavirus. Na xuntanza as e os representantes de ambas as organizacións coincidiron na necesidade de paralizar toda a actividade, agás a esencial, e pór en marcha un paquete de medidas urxentes para enfrontar as consecuencias sociais e económicas que terá esta crise para Galiza, en xeral, e a clase traballadora galega en particular.

Segundo explicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ao remate da xuntanza, as e os representantes da central sindical insistiron en que “canto máis se tarde en corrixir as medidas aprobadas polo Consello de Ministros e Ministras e dar resposta cun plan de choque social á grave situación xerada pola crise sanitaria, máis difícil será a recuperación cando esta remate, o que contribuirá a unha crise social”.

Por iso Carril advertiu do grave risco de que o confinamento “acabe provocando un aínda maior empobrecemento da clase traballadora, por mor da significativa redución de ingresos que van sufrir”. Máis nun contexto no que, xa antes da crise sanitaria, a CIG viña denunciando a extensión da pobreza laboral e defendeu que, neste contexto, “son imprescindibles as políticas públicas para facer fronte ao “caos” derivado das “insuficientes e inxustas” medidas económicas.

Xunto a isto alertou da previsíbel caída dos ingresos nas familias e o retraso no cobro dos salarios e das prestacións por desemprego, o que, ao seu entender, debería levar ao Goberno a aprobar de urxencia e dunha vez un paquete de medidas que axude ao pago dos alugueiros e que obrigue ás entidades financeiras e ás empresas eléctricas a condonar o pago desta mensualidade (hipotecas, recibos de auga, luz, gas, etc.), e durante o tempo que dure o estado de alarma.

A Xunta debe exercer as súas competencias

O secretario xeral da CIG lamentou tamén que o goberno da Xunta, en vez de reclamar e exercer as súas competencias fronte a centralización imposta coa declaración do estado de alarma, “asuma, como sempre, un papel subsidiario”.

Por iso transmitiu a demanda da CIG de que o Presidente da Xunta asuma e exerza as súas funcións e denunciou que, no canto diso, “o goberno galego está aproveitando a situación para desentenderse e xustificar a súa inacción derivando toda a capacidade de decisión en Madrid, cando tiña que adoptar as súas propias medidas e tomar as súas decisións exercendo, deste xeito, as súas competencias”.

Medidas de protección

A falta de medidas de protección foi outra das cuestións abordadas. A este respecto as e os representantes de ambas as organizacións coincidiron na imperiosa necesidade de que se proporcionen todas as medidas de protección para as traballadoras e traballadores dos servizos esenciais.

A este respecto, por parte da CIG insistiuse na necesidade de que haxa controis, tanto para evitar abusos por parte das empresas das que dependen “no relativo a xornadas e descansos”, como para comprobar que o persoal desenvolve o seu traballo sen correr risco algún para a súa saúde. Un labor que considerou que ben podían exercer as forzas da orde pública, en lugar de centrarse en labores de control social.

Empobrecemento da clase traballadora

Xunto a estas cuestión as e os representantes da CIG trasladaron tamén as demandas da central sindical para que se garanta o emprego e os salarios íntegros do persoal que traballa para as contratas da administración pública, municipais ou galegas; que se dea solución ás empregadas do fogar; que se garanta a concesión automática de todas as solicitudes de adaptación ou redución de xornada; que se axilice o cobro do desemprego; que se garanta que quen está a cobrar o desemprego non vexa consumida a súa prestación neste tempo e que os traballadores/as con contratos temporais ou de ETTs que foron despedidos/as, “accedan ás mesmas medidas que o resto dos traballadores”.

A este respecto, o secretario xeral da CIG trasladou tamén a súa consideración respecto dos ERTES masivos, que que considerou un erro e que este venres ascendían xa 23.651 e afectan a preto de 125.000 traballadoras e traballadores, o 10% da poboación activa. Unha situación diante da que advertiu das consecuencias “críticas e mesmo devastadoras que vai ter para a economía”.

Carril valorou tamén a nula solidariedade existente entre os estados da UE e a súa incapacidade para ofrecer alternativas que vaian máis alá de augurar futuros recortes para recuperar a famosa senda do control do déficit que tan gravísimas consecuencias tivo e terá, de se manter, para os servizos públicos e para o conxunto da clase traballadora.