A CIG-Industria traslada ao estaleiro vigués Freire as protestas contra a represión sindical en Aplinor

Desenvolveu unha concentración nas instalacións da avenida de Beiramar, onde a empresa presta servizo
Vigo - 09 Xun 2022

A CIG-Industria trasladou hoxe ao estaleiro vigués Freire as protestas para rexeitar a represión sindical que se vive en Aplicaciones Navales del Noroeste (Aplinor), empresa que se dedica á instalación de andamios para compañías do sector naval. A central sindical ten en marcha unha campaña de mobilizacións -que iniciou o pasado 19 de maio cunha concentración diante de Nodosa en Marín- para reclamar a readmisión do delegado de persoal despedido por defender os dereitos laborais dos seus compañeiros/as.

Dende a CIG-Industria de Vigo explican tras varios meses de presións e represalias contra o representante sindical a empresa procedeu o seu despedimento como último recurso para impedir que desenvolvese a súa función e puidese defender os dereitos laborais e as condicións de traballo do cadro de persoal.

De feito, as presións iniciáronse os poucos meses de saír elixido delegado, cando reclamou -de igual modo que o fixera o anterior delegado da CIG- o pago dos supostos por traballos especiais recollidos en convenio (tóxico, perigoso e penoso ).

Na central inciden en que se trata dunha cuestión moi importante tendo en conta que se trata dunha compañía dedicada á instalación de andamios, polo que os traballadores/as están expostos/as a situacións de risco ao desenvolver seu traballos en altura. Outro detonante foi a negativa do delegado a asinar un acordo de empresa que contemplaba a renuncia do cobro destes pluses e obrigaba a facer horas extras sen cobralas, “acordo que si asinaron os outros delegados sen facer asembleas co persoal”.

Ameazas de despedimento

Ademais, o representante da CIG solicitaba os contratos asinados polos compañeiros/as para poder denunciar as cláusulas abusivas que eran obrigados/as a asinar e denunciaba as comunicacións da empresa obrigando a facer horas extras. Por estas cuestións foi trasladado a modo de represalia do estaleiro Nodosa, no que levaba anos traballando, a Freire “sen causa obxectiva”. Tamén recibiu ameazas no sentido de que se nas próximas eleccións sindicais non saía elixido delegado sería despedido.

Dende a central detallan que o delegado denunciou nunha das reunións periódicas solicitadas polo comité de empresa de Freire para abordar as problemáticas laborais do estaleiro e das auxiliares a presión que estaban a recibir de Aplinor para que fixesen de xeito obrigatorio horas extras estruturais. “Entón ese mesmo día comunícanlle a volta a Marín, retirándolle as funcións de montaxe de andamios e asignándolle as labores de estiba e movemento de materiais, quedando illado dos compañeiros/as”.