A CIG trasládalle ao Ministerio as súas propostas a respecto do teletraballo e as condicións laborais nas plataformas

O Goberno español está elaborando proxectos normativos sobre ambas materias

Nacional -

A CIG vén de remitir ao Ministerio de Traballo as súas propostas para a nova normativa sobre o teletraballo que prepara a Administración estatal, así como unha serie de achegas aos cambios na regulación da prestación do traballo por conta propia e allea a través das plataformas. As propostas fanse no marco da participación pública aos proxectos normativos que ten abertos o Ministerio de Traballo en relacións a estas dúas materias.

» Consulta aquí as achegas da CIG sobre o Teletraballo

» Consulta aquí as achegas da CIG sobre o traballo nas plataformas

Sobre o traballo a distancia, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Francisco González Sío, critica que o Goberno de coalición está recorrendo á mesma estratexia que o PP de aproveitarse dunha crise, neste caso a sanitaria, para recortar dereitos da clase traballadora, "introducindo esta nova modalidade de traballo que venden como unha vantaxe, cando na realidade resulta prexudicial para os dereitos das traballadoras e dos traballadores".

O teletraballo védesenos como unha vantaxe cando en moitos casos leva a antigas formas de explotación do capitalismo, traballando un número infinito de horas"

Por iso, explica que a CIG ten unha postura crítica co teletraballo e contraria, con carácter xeral, a esta modalidade "na que o capital pon en práctica un novo modo de organizar a produción". Neste senso, chama a atención sobre o enorme desafío que supón para a defensa dos dereitos das traballadoras e dos traballadores o traballo a distancia, ademais de constituír un enorme problema para o desenvolvemento do labor sindical.

Descontrol na xornada, competitividade e individualismo

González Sío lembra que o teletraballo se caracteriza porque a persoa está "deslocalizada" do seu posto e do centro de traballo, facilitándose a confusión entre tempo de traballo e vida persoal, e abarátanse custes ás empresas, xa que na maioría dos casos é a empregada ou o empregado quen ten que pór os seus equipos ao servizo das empresas e asumir o gasto da conexión á rede, electricidade, etc.

"Grazas ao teletraballo, as empresas teñen unha posibilidade de recortar custes, mais vendéndoo como unha vantaxe pola 'flexibilidade de horarios' e a posibilidade de conciliación, cando en moitos casos nos levan a antigas formas de explotación do capitalismo, traballando un número infinito de horas, fomentado a competitividade e o individualismo e afastando a organización da clase traballadora para a loita pola consecución de mellores condicións laborais e de vida", alerta.

Neste senso, González Sío engade que, dende unha perspectiva de xénero, tamén se presenta o traballo a distancia como unha forma de conciliación da vida laboral e familiar "cando na realidade estase a  agochar a dobre xornada de traballo para as mulleres e unha xustificación por parte do neoliberalismo para recortar en servizos públicos como escolas infantís, ao ser estas innecesarias". Tampouco hai que perder de vista que na nova Lei de Dependencia fálase de impulsar o teletraballo entre as persoas con capacidades distintas, evitándose o gasto na mobilidade destas persoas traballadoras e castigándoas a vivir pechadas no seu domicilio.

Garantías dos dereitos e da participación sindical

Téñense que garantir en todo momento os dereitos laborais e salariais, de participación sindical e as medidas preventivas"

Por iso, a CIG entende que antes da implantación do teletraballo (que en toda circunstancia debe ter un carácter voluntario) ten que levarse a cabo unha análise profunda da súa necesidade por parte da representación social e establecer unha serie de "liñas vermellas" para poder garantir os dereitos da persoas traballadoras, tanto no que ten a ver coas súas condicións laborais e salariais, como no relativo ao rexistro real da xornada, á salvagarda o dereito á desconexión dixital; garantías de participación sindical; ou contar coas medidas preventivas e de seguridade adecuadas, ao igual que se estivera no centro de traballo.

"Non se pode obrigar as traballadoras e traballadores a poñer o seu domicilio a disposición da empresa. É a empresa quen ten que facilitar os equipos e ferramentas de traballo, así como o mantemento dos mesmos e asumir todos os custes de converter unha habitación en oficina, con todo o que iso implica de mobiliario", afirma.

De igual xeito, a empresa é quen ten que realizar as avaliacións de riscos, sobre todo psicosociais, e todas as medidas relacionadas coa saúde laboral; así como compensar os gastos de luz, auga, electricidade, gas e limpeza dese tempo de traballo.

Aplicación dos convenios ao persoal das plataformas

En canto ás modificacións sobre o traballo por conta propia ou allea a través das plataformas tipo Uber, Glovo, Deliveroo, etc., a CIG tamén remitiu ao Ministerio unha serie de achegas destinar a garantir a aplicación dos distintos convenios sectoriais a estes traballadores e traballadoras, que non deixan de ser persoal falso autónomo sometido a condicións de explotación laboral.

"Non teñen horarios, nin vacacións, nin liberdade ante o poder empresarial, con salarios por baixo do SMI, con equipas de traballo postos do peto propio, sen estabilidade e sen representación sindical. Esta é a escravitude laboral que nos trae a revolución tecnolóxica ao mundo do traballo", denuncia o secretario de Negociación Colectiva da CIG.

Con tal fin, a central propón que se inclúa na normativa unha "Cláusula de garantía de dereitos mínimos" polo cal queden expresamente incluídas no ámbito de aplicación dos convenios as empresas que prestan os seus servizos a través de plataformas dixitais, e as persoas contratadas por estas, con independencia da natureza xurídica do vínculo -mercantil, civil ou laboral que una as persoas que prestan os servizos con estas empresas.

Deste xeito, estarían regulados/as polas condicións económicas (salariais e extrasalariais) e de xornada (duración, descansos, permisos e licencias, vacacións, etc.) establecidas no convenio sectorial de aplicación e, no caso de incumprimento desta obriga, esta sería unha das causas automáticas de nulidade do contrato, coa indemnización que, no seu caso, se pacte entre as partes.

Volver