A CIG traslada o seu apoio á folga convocada pola FUS en Uruguai na defensa do traballo, os salarios e a saúde

O paro desenvolverase o mércores 8 de xullo

Internacional -

A Federación Uruguaia da Saúde (FUS) realizará un paro de actividades o vindeiro mércores, 8 de xullo, en defensa dos postos de traballo e a saúde, e por melloras salariais. Un paro que será, en Montevideo, de 8 a 15 horas, mentres que no interior do país farase en horarios diversos. Para ese día, tamén está convocado un acto fronte ao Ministerio de Saúde Pública no cal participarán dirixentes da FUS, da Federación de Funcionarios de Saúde Pública (FFSP) e do PIT-CNT. A CIG comparte as demandas da FUS e traslada toda a solidariedade con esta convocatoria, que agardamos sexa un éxito de participación e que cumpra o obxectivo de poñer na opinión pública as súas demandas e formulacións.

Esta mobilización é consecuencia da falta de resposta ás demandas que a FUS iniciou xa a principios de mes por un novo convenio colectivo e na defensa do emprego, nun contexto de crise económica e logo de terminadas as negociacións do Consello Superior Tripartito, e solicitar a convocatoria do Consello de Salario da rama da Saúde Privada.

Sen renunciar ao aumento de salario e as melloras laborais, o centro do debate está posto agora no emprego, porque con 200.000 seguros de paro e unha perspectiva de desocupación de entre 16 e 18% cara a fin de ano, está claro que a caída do emprego afecta á afiliación mutual. Argumenta a FUS que, tendo en conta que o 95% dos afiliados e afiliadas das institucións do sector privado da saúde son a través do Fondo Nacional de Saúde (FONASA), a perda de postos de traballo incidirá directamente na caída da afiliación e iso afectará no traballo e no salario. Polo que as empresas tomarán medidas de axuste do emprego ou do salario.

O goberno propón un convenio dun ano de duración, mentres a FUS pide unha decisión política de soster a afiliación mutual e con iso a cápita que lle paga o Fondo Nacional de Saúde ás institucións pola cantidade de persoas afiliadas que ten e a composición dos mesmos, co obxectivo de que se manteña o emprego, porque sen traballo non hai salario e tampouco organización sindical. Polo tanto, a defensa do traballo é un elemento fundamental. Piden tamén un salario equiparado á inflación durante ese ano..

Expoñen, como elementos centrais: o traballo, o salario e a saúde da poboación. Na saúde privada de Uruguai hai quen ten salarios millonarios, desproporcionados, de máis dun millón de pesos por mes. Algunhas especialidades médicas perciben entre 400.000 e 600.000 pesos por mes, por institución. E hai quen traballa en máis dunha institución. Salarios, obviamente, despegados da realidade. E existe outro gran colectivo, ese que estivo na primeira liña de combate da Covid19, é dicir: o/a médico/a xeneralista, o/a enfermeiro/a, o/a auxiliar de servizo,…; debe ter unha mellora no seu poder adquisitivo e unha defensa do seu traballo.

Tamén propón a FUS que o convenio dun ano sirva para discutir a reestrutura do sector da saúde privada. Pola contra, se non se sostén o valor das cápitas e da cobertura asistencial, a caída de institucións e a perda de traballo levará a unha recarga  brutal da Administración do Servizo de Saúde do Estado (ASSE). Estamos a falar dun sector que move máis de 1000 millóns de dólares ao ano. Asuntos todos estes que desde a FUS explicaron ao secretario da Presidencia, Álvaro Delgado, e aos ministros Miguel Salinas (Saúde) e Pablo Mieres (Traballo), que, a pesar do apoio dos traballadores e traballadoras afectados co que conta a FUS, non atenderon as súas demandas.

Volver