A CIG traslada o seu apoio ao paro nacional convocado pola FUS o próximo 30 de outubro en Uruguay

En defensa dos postos de traballo e por uns salarios dignos
Internacional - 28 Out 2020

A CIG quere trasladar todo o apoio e solidariedade aos compañeiros e compañeiras da Federación Uruguay de Saúde (FUS) na súa convocatoria de folga nacional o vindeiro venres, día 30 de outubro. Paro que será xeral no interior do país, e parcial en Montevideo, con concentración diante do Obelisco e posterior marcha ao Ministerio de Economía.

A pesar de que o sindicato tiña informado con tempo suficiente ao ministro de Saúde Pública, Daniel Salinas, sobre a precaria situación que sofre o sector sanitario privado nun intre tan importante coma este, as súas demandas non foron atendidas, nin polo Ministerio, nin nos Consellos de Salario, e enfróntanse a unha importante perda de emprego, redución salarial e 5 ou 6 institucións en risco de peche, xusto en tempos de pandemia.

Segundo o máximo responsábel do sindicato, o compañeiro Jorge Bermúdez, "nun momento no que o persoal sanitario mostrou o seu claro compromiso co Goberno na loita contra a Covid-19, este xoga "ao achique", e esténdese no país unha nova pandemia: o desemprego, o paro e a fame”.

Dende a CIG agardamos que esta convocatoria sexa un éxito de participación dos traballadores e traballadoras e agardamos que as súas xustas demandas sexan finalmente atendidas en beneficio do persoal e dos usuarios e usuarias dos seus servizos de saúde.

Un cordial e solidario saúdo!