A CIG traslada unha proposta a Repsol para materializar "un futuro viábel" para o complexo da Coruña

O persoal da refinaría continúa coas mobilizacións para esixir a retirada do ERTE fraudulento
A Coruña - 30 Abr 2021

Os traballadores e as traballadoras da refinería de Repsol continuaron este venres co calendario de mobilizacións en rexeitamento a un ERTE que consideran unha fraude e que a empresa pretende aplicar malia obter uns beneficios no primeiro trimestre deste ano de 648 millóns de euros. Para a CIG este ERTE é un exemplo máis das consecuencias de manter vixente a reforma laboral e da falta de políticas públicas para afrontar o proceso de transición enerxética de maneira xusta para Galiza.

Na xuntanza do período de consultas celebrada na tarde do xoves, volveuse evidenciar que non existen causas nin organizativas nin produtivas para aplicar unha regulación de emprego na refinería da Coruña, así como a escasa vontade de Repsol para negociar medidas alternativas ao ERTE.

Por parte da CIG presentouse na mesa de negociacións unha proposta pedindo a retirada do expediente "e se materialice un futuro viábel para o complexo industrial" que garanta o emprego e a seguridade das instalacións. Estas garantías de futuro pasan inevitabelmente porque Repsol presente un plan de investimentos para adaptar o complexo ao proceso de transición enerxética, con respaldo económico real e proxectos solventes.

Neste senso, a sección sindical da CIG reclámalle a Repsol que retire as propostas de recortes de dereitos laborais e salariais formuladas no Acordo Marco que se está a negociar en Madrid (e que posteriormente serían trasladados aos diferentes convenios das empresas do grupo) "pois abaratar o despedimento e precarizar as condicións dos traballadores e traballadoras non parece a forma idónea de garantir o emprego".

Precisamente, advirten que coa presentación deste ERTE "totalmente inxustificado" a empresa busca amedrentar o persoal para que asuma estes recortes de dereitos. Unha chantaxe á que o conxunto das traballadoras e dos traballadores está respondendo de maneira contundente nas mobilizacións que se veñen realizando na refinería nas últimas tres semanas. Este venres fixeron dúas accións de protesta, coincidindo cos cambios de quenda: unha das 07:20h a 9:30h e outra das 15h ás 16h.

Aínda que estaba previsto que o período de consultaras rematara hoxe, a empresa emprazou a parte social a unha nova xuntanza o martes 4 de maio para dar contestación á proposta da CIG e a outras cuestións tratadas na mesa de negociación.

Falta de implicación da Xunta

Dende a sección sindical da CIG critican tamén a falta de implicación da Xunta de Galiza neste conflito, que continúa sen aclarar os temas tratados na reunión que mantiveron o conselleiro delegado de Repsol, a directora do complexo da Coruña e o presidente do goberno galego pouco antes que a petroleira formulara o ERTE; que segue sen esixirlle a Repsol que faga os investimentos que precisan as instalacións; e que segue sen pór en marcha un política industrial para abordar as medidas de transición da refinería.