A CIG traslada unha proposta para regular as próximas convocatorias de acceso a Navantia

Este ano poderanse convocar arredor de 450 postos de traballo
Ferrol - 14 Xan 2021

A sección sindical da CIG en Navantia Ferrol vén de rexistrar no comité de empresa unha proposta de bases xerais coas que regular as vindeiras convocatorias de postos de traballo para os estaleiros. “Tras ser discutida e aprobada pola afiliación da CIG, a nosa intención é discutila co resto dos sindicatos para tratar de obter unha postura maioritaria que podamos defender ante a dirección”, explican.

Os eixos básicos desa proposta respectan o acordo aprobado en Asemblea Xeral nas instalacións de Ferrol e que obtivo unha valoración positiva por parte da representación sindical de Fene, isto é, que as prazas sexan convocadas de xeito público, con transparencia e obxectividade, tomando como referencia os modelos de oposición e/ou concurso-oposición.

A CIG defende que se convoquen conxuntamente as prazas correspondentes aos anos 2020 e 2021, e que se lles engadan as 53 prazas que estaban comprometidas para o primeiro trimestre do ano 2020, o que en total representaría arredor de 450 postos de traballo. “Tendo en conta os difíciles momentos que está a pasar a nosa comarca, ofrecemos e pedimos a todas as partes a boa vontade necesaria para que estes postos de traballo sexan unha realidade o antes posíbel”, engaden.

A respecto das prazas que están en proceso actualmente, a sección sindical da CIG segue a defender a finalización do proceso de xeito urxente “e co máximo respecto aos intereses e dereitos de todas as persoas que participaron no proceso. As incidencias acontecidas teñen que se resolver, sempre, en beneficio das persoas que opositan ás prazas”.