A CIG trasládalle ao comisario europeo de Enerxía a proposta para a creación dunha tarifa industrial estábel e predicíbel

Representantes da central e delegados sindicais de Alcoa viaxaron até Bruxelas para participar no encontro

Nacional -

Unha delegación da CIG integrada por responsábeis sindicais e delegados da central nas fábricas de Alcoa en San Cibrao e A Coruña, acompañada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, viaxou a Bruxelas para tratar co comisario europeo de Enerxía e Acción para o Clima, Miguel Arias Cañete, os problemas da industria electrointensiva do noso país.

A reunión solicitouse para coñecer de primeira man que medidas estuda a Unión Europea para atallar esta situación e presentarlle a proposta da CIG para a creación dunha tarifa industrial estábel e predicíbel, á que se poidan acoller as electrointensivas, situándoa no marco da grave problemática que atravesan este tipo de empresas polo elevado prezo da enerxía. 

As medidas do Goberno español para garantir o futuro destas industrias son papel mollado

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, criticou que as medidas adoptadas até o de agora polo Goberno español para garantir a viabilidade e o futuro destas industrias “son papel mollado que non resolven nada” e resultan demasiado lentas, particularmente no caso de Alcoa. Advertiu tamén do desastroso resultado da última poxa da interrompibilidade, que está a derivar en anuncios de ERE en novas empresas.

A CIG aproveitou o encontro para demandar da Comisión a posta en marcha de todos os mecanismos posíbeis para que a normativa europea facilite unha solución á industria electrointensiva na liña defendida pola CIG, e reclamar que se defina o aluminio como un sector estratéxico “porque así o é para a economía galega e debería ter esta consideración tamén a nivel europeo, co que isto supón de vantaxes no ámbito enerxético, comercial, fiscal, etc.”.

Volver