A CIG trasládalle ao Ministerio de Función Pública as súas demandas para o persoal do sector público

Responsábeis do sindicato pediron cambios nas formas e no fondo da negociación das retribucións e dos dereitos do persoal
Nacional - 16 Abr 2024

Unha delegación das federacións da Área Pública da CIG composta polos secretarios nacionais de Ensino, Suso Bermello, Administración, Luís Carballo e Saúde, Manuel González Moreira mantiveron este luns unha reunión cos máximos responsábeis do Ministerio de Función Pública para a interlocución cos sindicatos que representan ás empregadas e empregados públicos, a directora xeral de Función Pública, Isabel Borrel Roncalés e o subdirector xeral de Relacións Laborais, Eusebio Jiménez Arroyo.

Na reunión a delegación da CIG deu traslado aos cargos ministeriais dunha serie de cuestións que o sindicato, maioritario no conxunto das administracións públicas en Galiza, considera se deben afrontar no ámbito competencial do goberno estatal, tanto de carácter xeral para o conxunto do persoal ao servizo das diferentes administracións como particularmente para cada un dos sectores (educación, administración pública e sanidade). 

Defensa do marco galego de negociación e do papel de mínimos do ámbito estatal

A CIG defendeu na reunión que se debe respectar o marco competencial e de negociación colectiva ao que temos dereito naqueles aspectos nos que o Estado non ten competencias exclusivas na xestión do persoal, que é claramente a maioría das persoas que en Galiza traballa no sector público.

Por iso, fíxose fincapé en que as normas legais que se negocian e aproban no ámbito estatal deben ser respectuosas tanto co dereito a contarmos con normativa propia que non se vexa limitada polas inxerencias estatais así como a potenciar o marco de negociación dos diferentes sectores da administración.

Para todos os aspectos nos que o Estado xoga un papel de fixar unha normativa básica xeral a CIG defendeu que esta tivese carácter de mínimos e para o ámbito da AXE o sindicato amosou a súa predisposición, como vén sendo habitual, para negociar todos os aspectos que afecten ao conxunto dos e das traballadoras da administración central demandando que se teña en conta a pluralidade sindical existente no Estado, evitando prácticas habituais como a de chegar a acordos unicamente con sindicatos de obediencia estatal que logo son claramente rexeitados polas renuncias que implican para as traballadoras e traballadores. 

Unha batería de propostas para mellorar as condicións de traballo no sector público

Estas foron as medidas globais, de común afectación a todos os sectores públicos, que a representación da Área Pública da CIG puxo enriba da mesa:

  • Unha cláusula de garantía salarial por desviación do IPC garantida por lei, evitando a perda de poder adquisitivo provocada polos últimos acordos sindicais.
  • Un aumento salarial proporcional ás perdas retributivas dos último anos, asumindo na vindeira negociación como complemento adicional á suba vinculada ao IPC
  • Eliminación inmediata das taxas de reposición que impiden a recuperación de postos de traballo nas administracións públicas
  • Derrogación definitiva do RD-Lei 8/2010 o RD-Lei 20/2011 e RD-Lei 20/2012 que limitan a recuperación do poder adquisitivo
  • Establecemento dunha xornada máxima de 35 horas semanais en todos os sectores públicos
  • Garantir que se desenvolva un proceso de negociación colectiva previo de leis básicas ou estatutos na Mesa Xeral de Administracións Públicas
  • O desenvolvemento da xubilación parcial das persoas funcionarias do Réxime Xeral da Seguridade Social e xubilación anticipada de colectivos que desempeñen funcións en condicións de penosidade, perigosidade, toxicidade entre outros.
  • Recuperación do diñeiro depositado para plans de pensións en entidades privadas e integración nos salarios
  • Implantación de plans de igualdade en todas as administracións. A CIG pide que se estabelezan os mecanismos para que as administracións que non cumpren coa implantación dos plans de igualdade sexan sancionadas.
  • Recuperación da retribución básica completa no importe das pagas extraordinarias de todos os grupos, que foron reducidas polo RDL 8/2010.
  • Actualización do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre compensación por razóns de servizo. Que se promovan as accións necesarias para a modificación do citado real decreto, para a unificación dos grupos existentes.
  • Derrogación do apartado 2 do artigo 7, RD 861/1986, que establece o sistema retributivo dos funcionarios da Administración Local, que impón límites que agora son innecesarios e incompatibles co novo sistema retributivo.
  • Aplicar para o conxunto do persoal do sector público un importe dos trienios correspondente ao que actualmente se percibe no subgrupo A1.
  • Incluír no réxime especial do mar ás persoas funcionarias públicas que por razón de actividade deberan ter cabida nel ou establecer unha ponte que garanta a protección e os coeficientes redutores de telos por similitude do ámbito laboral.
  • Igualdade plena de dereitos entre o persoal laboral e funcionario
  • Melloras nos permisos e licenzas, incrementando os permisos por parto para ambos proxenitores, mellorar todos os permisos vinculados cos coidados e tutelas de fillos e maiores a cargo, con especial fincapé na atención á discapacidade.

No ámbito da administración xeral

  • Sancións administrativas para todos aqueles cargos directivos que utilicen ou permitan utilizar de xeito fraudulento as comisións de servizo, rebaixando a duración destas a un ano de máximo e impedindo a reiteración de comisións de servizo nun mesmo posto de traballo
  • Desenvolvemento do grupo B e integración directa neste grupo de todas as prazas ocupadas por persoal público ao que se lle esixiu para o ingreso a titulación de Técnico Superior, Técnico Especialista, Formación Profesional de 2º grado o equivalente
  • Axilidade nos procesos selectivos e ofertas de emprego público que recollan todas as vacantes e a creación de prazas
  • Creación Mesa de negociación da AXE na Galiza para a normalización da lingua galega no conxunto das administracións publicas e as condicións específicas dos postos de traballo no noso territorio.
  • Acabar co abuso das horas extraordinarias, derivadas en moitos casos da propia perversión da taxa de reposición que, co pretexto do control do gasto, impide a creación de prazas pero non limita a ampliación das xornadas laborais mediante as horas extraordinarias, que se teñen que retribuír co incremento de gasto correspondente.
  • Blindar as funcións do persoal funcionario público para evitar actuacións que supoñen un impacto social, no medio natural ou na economía do país (invasión eólica e mineira) establecendo un réxime claro que sancione ás persoas directivas das administracións públicas que asinen contratos con entidades publicas e privadas para realizar xestións, informes e trámites que ata de agora realizaban empregados públicos

No ámbito do ensino

  • Recuperación con carácter xeral da xubilación anticipada que actualmente só se mantén para o persoal funcionario de Clases Pasivas, estendéndoa a quen pertence ao Réxime Xeral da Seguridade Social e rematando coa discriminación provocada pola reforma das pensións e os pactos sindicais estatais.
  • Regular a plena competencia da Mesa Docente para chegar a acordos actualmente limitados pola normativa básica fixada por Función Pública (EBEP), nomeadamente a integración de todo o profesorado no subgrupo A1
  • Regulación de enfermidades profesionais para o persoal docente
  • Incorporación no EBEP da Mesa Sectorial de Universidades, superando a negativa á súa creación na lexislatura anterior.

No ámbito sanitario

  • Recoller na negociación do Estatuto Marco todas as peculiaridades do persoal da sanidade pública, aprobando unha clasificación profesional que recoñeza os requisitos de acceso e as funcións e as responsabilidades das distintas categorías.
  • Recoñecemento da xubilación anticipada aos 60 anos e a xubilación parcial con contratos de relevo para o persoal estatutario.
  • Exención de nocturnidade para o persoal maior de 55 anos.