A CIG urxe a Endesa e os Gobernos a concretar os proxectos industriais para As Pontes para garantir unha transición xusta
Ante a urxencia da situación xerada polo anuncio de peche definitivo da central das Pontes sen achegar Endesa un acordo coa representación do persoal de garantías laborais e de continuidade industrial, a CIG propuxo, na mesa telemática celebrada esta tarde, unha serie de medidas ao Goberno español e á Xunta para sentar as bases no curto prazo dunha transición xusta para o concello e a comarca.
En primeiro termo, demandouse do Executivo español que paralice ou atrasar o máximo posíbel o expediente de peche mentres non se acade un acordo no marco da Mesa que garanta a continuidade do emprego (na principal e auxiliares) e proxectos de futuro concretos. Neste sentido, e como medida de presión a Endesa, a central entende que hai que excluír a eléctrica da participación na poxa de nós de rede en tanto non se logre unha solución laboral e industrial e tanto a Xunta como o Goberno estatal revisarán (e denegarán) a concesión de MW en renovábeis a Endesa en Galiza.
"Non se pode consentir a unha empresa que pecha sen acordo que poida optar aos MW eólicos para seguir facendo negocio", asevera Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria e representante da CIG na Mesa das Pontes.
Na reunión, tamén se demandou un compromiso ao Ministerio de asinar os convenios de transición xusta das Pontes, que se comprometeu a trasladar a vindeira semana; así como trasladar un calendario definido de financiamento e accións a realizar ante o peche e reconversión da central.
Proxectos de futuro e chan industrial
Durante a xuntanza, volveuse demandar a Endesa a paralización dos traslados do persoal propio, garantías de emprego para as auxiliares e concreción nos proxectos industriais. Pola súa banda, a eléctrica anunciou, ademais dos 1500MW eólicos que quere levantar en Galiza, a construción dunha planta de hidróxeno de 100 MW nas Pontes coa que vai concorrer ás axudas para a transición e afirmou que, a través do Futur-E e a consultora coa que está traballando, presentáronse dous proxectos importantes polo volume de emprego que xerarían, pero para os que é preciso ter chan industrial a un ano vista.
A este respecto, Amado lembrou que a representación sindical leva meses reclamándolle a Xunta, que ten as competencias nesta materia, que busque e dispoña chan industrial no Concello das Pontes, sen que até o momento fixera ningunha xestión. Polo que lle reclamou ao Goberno galego celeridade neste punto.
A este desleixo, hai que engadir tamén que a Xunta segue sen querer definir cales deses 108 proxectos tractores que propón para optar aos fondos NextGeneration están destinados ás Pontes e hoxe o conselleiro nin sequera tivo a ben responder cando se lle preguntou.
Garantías de emprego
Sobre as garantías de emprego nas auxiliares, os sindicatos solicitaranlle a Endesa unha reunión de urxencia, xa que amosou disposición a dar garantías até xuño, pero sen clarificar o número de emprego. A CIG entende que estas garantías teñen que estar ligadas ao plan industrial de futuro das Pontes e que este colectivo debe ter prioridade nos traballos de desmantelamento da central e nos procesos e proxectos de transición xusta, formulados tanto por Endesa como polas Administracións ou de iniciativas privadas.
No relativo á viabilidade da produción con biocomustíbeis dende o Ministerio referíronse aos 15 días de prazo que se deron as administracións para revisar os informes técnicos e achegar conclusións e Endesa insistiu no custe económico que suporía adaptar as instalacións. Mais, engade Amado, cando se lle preguntou ao Ministerio pola relevancia da central para o sistema eléctrico, indicaron que, aínda non habendo informe oficial, Red Eléctrica Española xa manifestou que os catro grupos da térmica son prescindíbeis.