A CIG urxe medidas para garantir o futuro da industria do automóbil e rexeita os ERTE indiscriminados

Delegados/as e traballadores/as do sector concentráronse no Cluster de Empresas da Automoción en Vigo
Vigo - 14 Out 2021

A federación de Industria da CIG reactivou cunha concentración hoxe diante do Cluster de Empresas de Automoción de Galiza (CEAGA) en Vigo a campaña de mobilizacións, información, achega de propostas e accións institucionais en defensa do emprego na industria galega do automóbil, para demandar solucións á grave crise que atravesa o sector e para que se adopten medidas que garantan o futuro dunha actividade económica estratéxica para o país. Con esta protesta, de igual xeito que coas levadas a cabo no verán, a central quere amosar tamén o seu rexeitamento aos ERTE indiscriminados que se están a prolongar no tempo.

O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, advertiu que tanto as empresas como o propio sector no seu conxunto enfrontan unha situación “moi complicada” como consecuencia da actual crise derivada da intensificación da dixitalización dos procesos produtivos e da descarbonización da economía, en plena transición enerxética, mais tamén pola actual problemática derivada do alto prezo da enerxía e da escaseza de materias primas.

Ao que hai que sumar a falta de semicondutores, a deslocalización de empresas, a subcontratación mediante multiservizos, centros especiais de emprego e ETT “con salarios de miseria, xornadas desreguladas que impiden conciliar a vida laboral e familiar, abuso nas horas extras e na contratación eventual” e a aplicación das reformas laborais de PP e PSOE nos ERTE. “O que ten convertido este sector estratéxico da nosa economía nun polvorín pola falta de compromiso dos Gobernos galego e español”.

Bouzas indicou que esta crise técnica ten que ver coa chegada de novas tecnoloxías e co cambio de papel do automóbil dentro das cidades e pola súa incidencia no medioambiente. “Diante disto, fixemos e estamos a facer propostas para afrontar o futuro do sector sen que sexan sempre os cadros de persoal das empresas os que paguen as consecuencias”.

Política enerxética de país

Entre outras cousas, fixo fincapé na necesidade de apostar polos coches híbridos, híbridos a gas e eléctricos, polo coche autónomo, pola planta de baterías e a pola fabricación dos novos compoñentes para coches eléctricos preto da planta principal. E por unha política enerxética de país para a automoción, pola creación dunha tarifa industrial e dun convenio de enerxía sectorial ou por polígonos vinculado á mellora das instalacións cunha repercusión directa e polo impulso das tecnoloxías de almacenamento de enerxía.

Mais tamén por definir solo industrial para futuras instalacións ante os novos coches eléctricos, regularizar as actividades das empresas auxiliares para adaptalas aos novos modelos e para adaptalas entre elas para evitar competencias desleais e darlle prioridade á creación de patentes e á revisión das actuais.

Así como vixiar e controlar todos os proxectos relacionados co sector, avaliar os seus resultados e comprobar onde se desenvolven a posteriori e fiscalizar todas as axudas e subvencións. Tamén incrementar a formación relacionada co novo sistema de fabricación, actualizar as profesións e implementar novas titulacións profesionais.

Contratación indefinida

Ao mesmo tempo, demandou o fomento da contratación indefinida e a tempo completo, a elaboración dun plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal e a aplicación de coeficientes redutores para o sector e de plans de enfermidades profesionais, ergonomía nos traballos repetitivos, ritmos de traballo e riscos psicosociais.

Pola súa banda, a responsábel da Automoción da CIG, María Xosé García, lembrou que todas estas propostas fóronlles trasladadas aos distintos grupos políticos con representación no Parlamento galego, “mais só o BNG decidiu asumilas, polo que seguimos á espera de que tanto o PSOE como o PP o fagan”.

Ademais, denunciou que ademais da precariedade que se está a estender no sector os traballadores/as están a padecer uns altos niveis de inseguridade, “xa que nós mesmas temos que estar chamando para saber cando temos que ir a traballar ou cando imos parar”.

Dende a CIG entenden que todas estas cuestións de vital importancia para o sector deberan ser tratadas nunha Mesa Galega da Automoción (MGA) integrada polo CEAGA, as tres universidades galegas e as centrais sindicais.

Ao temate da protesta Bouzas e García intentaron acceder ás instalacións do CEAGA para entregar un escrito solicitando unha xuntanza cos seus responsábeis, pero non foi posíbel porque a porta estaba pechada e dende o interior do inmoble comunicáronlles que tiñan orde de non permitir o acceso.

A CIG reclama unha serie de garantías fronte aos ERTE

Mais fronte a todo isto, a única solución que aplican as empresas é a presentación indiscriminada de ERTE, tanto na compañía principal como nas auxiliares. Isto está a provocar unha perda evidente de emprego e repercute moi negativamente sobre os cadros de persoal. ERTE que se están a suceder sen ningún tipo de criterio, polo que reclaman que se garantan unha serie de cuestións á hora de enfrontalos:

-Mantemento do emprego.

-Afectacións rotatorias para todo o persoal.

-Avisos de parada como mínimo con 48 horas de antelación.

-Regular os días de non actividade, paradas seguidas e sempre achegados á fin de semana.

-Reestruturación das quendas.

-Control dos ritmos de traballo nos días de actividade.

-Compensación ou complemento por día de afectación ate o 100% do percibido.

-Que parte das axudas recibidas polas empresas sexan destinadas a paliar os efectos do ERTE.

-Bolsas de emprego para o retorno das persoas afectadas.