A CIG urxe unha tarifa eléctrica, a derrogación da reforma laboral e a intervención pública para garantir os empregos e futuro industrial

Centos de persoas maniféstanse pedindo solucións para o sector electrointensivo
A Coruña - 17 Xul 2020

Baixo o lema "Pola defensa do emprego e da industria electrointensiva. Enerxía Solución", traballadores e traballadoras das industrias con grandes consumos eléctricos e centos de persoas manifestáronse esta tarde na Coruña dende o edificio administrativo da Xunta até a Delegación do Goberno. A marcha (convocada por CIG, UGT e CCOO) dá continuidade ás mobilizacións que xa se viñan realizando no sector antes da crise sanitaria, pola ausencia dunha regulación enerxética adecuada para a industria electrointensiva que pon en risco permanente a  continuidade de  milleiros de postos de traballo directos, e  que representa unha ameza para toda a economía das comarcas onde está asentada.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que esta mobilización dáse nun contexto de forte crise industrial "no que non queremos que Alcoa San Cibrao se sume aos peches ou os recortes de produción que vivimos nos últimos anos, entre outras razóns, a causa do elevado prezo da enerxía". Un alto custe que cualificou de "despropósito" no caso de Galiza, atendendo ao noso carácter de país excedentario na produción de enerxía. "É intolerábel que periguen postos de traballo e se destrúa tecido industrial por non termos unha tarifa eléctrica galega máis xusta, estábel e predicíbel", aseverou.

Errática política en materia enerxética que pon en risco miles de empregos

Nesta liña, denunciou a errática política en materia enerxética por parte dos distintos gobernos estatais, que provocou que todas as empresas do sector estean nunha situación crítica, tendo que enfrontarse a recortes de produción, ERTES ou despedimentos. Esta ausencia dunha tarifa industrial estana aproveitando as direccións das empresas para non facer os investimentos necesarios nas fábricas e abaratar os custes a conta de empeorar as condicións laborais do persoal.

Carril lembra que a CIG foi a primeira organización en elaborar unha proposta de tarifa industrial, que xa trasladou ao goberno español e á Xunta a finais de 2018 e que remitiu posteriormente en varias ocasións. Esta proposta recolle as medidas para un novo marco tarifario que a central nacionalista xa levara ao Parlamento galego en 2015 a través dunha ILP máis ampla en materia de enerxía, que o PP rexeitou por considerala "insolidaria" co resto dos territorios do estado.  

Ao tempo, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, apunta á responsabilidade da Xunta de Galiza en materia industrial, pois malia ter as competencias actúa con total pasividade, incapaz de pór en marcha medidas para fixar os sectores produtivos e atraer novos proxectos de futuro, e desenvolver unha política industrial que vertebre o país e axude a pechar os ciclos produtivos na nosa terra.

O ERE que ameaza a continuidade de 1000 empregos en Alcoa San Cibrao, os fornos inactivos nas plantas de ferroaliaxes de Cee e Dumbría, as cubas aínda paradas na fábrica de aluminio da Coruña e un máis que cuestionábel novo propietario, constitúen unha realidade que o goberno español e a Xunta non pode seguir obviando. "É necesario e urxente adoptar as medidas para evitar os despedimentos a través da derrogación da reforma laboral ou da intervención pública, tendo en conta o carácter estratéxico da enerxía e de sectores como o do aluminio", aseverou Aboi.

Termos unha tarifa propia é de xustiza

A CIG chama a intensificar a demanda dunha tarifa industrial propia, porque non se pode consentir que se sigan espoliando os nosos recursos, que teñamos que asumir as consecuencias sociais e ambientais desta actividade, pero que os beneficios da produción de enerxía non estean ao servizo do desenvolvemento social e económico do noso país, nin axuden ao mantemento e á xeración de empregos dignos.

A este respecto o secretario xeral da CIG reclamou políticas adecuadas en materia de enerxía e cambio climático, recuperando o control público do prezo da enerxía e avanzando nunha transición enerxética de forma que sexa realmente xusta social e territorialmente. "As empresas eléctricas non poden saír deste proceso mantendo a súa posición privilexiada e continúen funcionando como un oligopolio, acumulando cada día máis ganancias polos altos prezos da enerxía, mentres a industria e o emprego están en vías de extinción".