A CIG valora de xeito negativo a venda de Nueva Pescanova e reclama garantías de mantemento de todos os empregos

Nacional - 14 Abr 2023

A CIG valora de xeito negativo a venta de Nueva Pescanova a unha multinacional canadense. A central nacionalista non comparte en absoluto a valoración feita polo Conselleiro de Economía e entende como unha pésima noticia que este espolio dunha empresa que era 100% de capital galego poida ser vista con tan bos ollos polo vicepresidente da Xunta.

A este respecto, a CIG subliña que a entrada de capital foráneo non constitúe para nada unha garantía de mantemento dos actuais postos de traballo, que suman máis de 1.000 empregos directos entre os tres centros produtivos e as oficinas de Chapela.

Neste senso, a secretaria nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez, considera que o feito de non coñecer o modelo de negocio "fainos ser extremadamente cuatelosos até que se informe desa cuestión, vital para asegurar o emprego a curto e longo prazo, así como as condicións laborais".

Por todo isto, a CIG reclama información clara e concreta sobre que modelo de negocio ten o grupo Cooke, garantías da continuidade da actividade produtiva e dos empregos, así como lle demanda á Xunta de Galiza que vixíe que esta operación non supoña afondar no desmantelamento  do noso tecido industrial nun sector, ademais, estratéxico para o noso país.

Ademais, a CIG fai unha petición expresa a que na maior brevidade posíbel, por parte da dirección do consello de administración de Nueva Pescanova se manteñan unha reunión coa representación social na que se informe en detalle de todas aquelas cuestións que afectan ao conxunto das persoas traballadoras que actualmente ten o grupo en Galiza, tanto no relativo ao modelo de negocio, como ao mantemento do emprego, e das condicións laborais.