A CIG valora positivamente a proposta de prórroga de seis semanas do período de consultas para facilitar a venda de Alcoa

“Vai no camiño de garantir que non paren as cubas, que haxa a continuidade industrial e que se manteñan os postos de traballo”
San Cibrao - 12 Ago 2020

O comité de empresa de Alcoa aceptaba esta mañá a proposta de Ministerio e Xunta de Galiza de prorrogar o período de consultas seis semanas para facilitar as negociacións para a venda de Alcoa. Unha decisión que a CIG valora positivamente porque, segundo afirma o secretario xeral, Paulo Carril, “vai no camiño de garantir a continuidade industrial, os postos de traballo e o futuro do aluminio”.

O secretario xeral da CIG apunta que esta proposta feita polos gobernos “responde á solicitude de mediación formulada por nós. O seu contido aproxímase ao que nós demandabamos, tendo en conta que se abre unha operación de venda, sen parada de cubas e mantendo a actividade industrial”.

En todo caso Carril advirte que, desde a central sindical, se exixirá tanto aos gobernos, como a Alcoa e a Liberty House que cada parte “faga ben o seu traballo” porque “non hai outra solución que esa venda teña lugar”. Nese sentido anuncia que a CIG tamén se compromete a traballar “de forma incansábel para que se garanta a continuidade da actividade”.

Considera que é necesario manter a mobilización, aínda que se desconvoque a folga, porque “quedou confirmado que foi a unidade de acción, a mobilización e a defensa firme do futuro industrial foi o que fixo posible que chegaramos a esta fase”.

Con todo, matiza que “non se trata da unidade pola unidade, senón da unidade sempre que se dea no marco da mobilización e da defensa inamobíbel dos postos de traballo”. Máis cando para a CIG é claro que “o aluminio galego ten futuro”. Por iso insiste en que “non pode ser que en Galiza, un país no que se produce enerxía, pechen fábricas polo prezo da electricidade”.

O secretario xeral da CIG adianta ademais que desde a CIG “imos estar vixiantes e seremos tan exixentes como sexa preciso para que o obxectivo da venda teña éxito”.