A sección sindical da CIG en Vitrasa acusa a dirección de “non estar á altura” na xestión da crise sanitaria

A empresa rexeitou todas as propostas “até que as circunstancias lles obrigaron a atendelas”

Vigo -

Desde a sección sindical da CIG en Vitrasa denuncian o xeito de actuar da dirección da empresa en todo o que ten que ver coa xestión da crise sanitaria motivada polo novo coronavirus. “Non soubo estar á altura das circunstancias, e dende o primeiro momento negáronnos calquera das propostas que realizamos, até que as circunstancias lles obrigaron a atendelas”.

Entre estas peticións, salientan algunhas “tan sinxelas” como realizar o ERTE en días continuados, non separar as parellas que normalmente traballan xuntas ou sacar cada quenda un autobús limpo e desinfectado desde cocheiras. “Pero non foron nin sequera valoradas pola empresa”, critican. 

Está claro que é mais importante a conta de resultados que a seguridade e o benestar do persoal

 Outras solicitudes como o uso de luvas por parte do persoal de condución “custou moito que se levasen a cabo; por non mencionar a colocación das actuais mamparas, a entrada pola porta traseira, os baños ou a anulación do pago en efectivo, que non se realizou ata o último momento, cando a empresa asegurouse que o Concello abonaría os pasaxes que deixasen de cobrarse”.

Por todo isto, lamentan que “está claro que é mais importante a conta de resultados que a seguridade e o benestar dos empregados/as”.

Ao mesmo tempo, consideran que o protocolo que a empresa puxo en marcha hai dous días para detectar o persoal especialmente sensible deberan telo aplicado dende o inicio do estado de alarma. “E mesmo antes, xa que dende o 5 de marzo o Ministerio de Sanidade iniciou un procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte ao coronavirus”.

De igual xeito, a empresa ten ao seu dispor dende hai días máscaras homologadas enviadas polo Ministerio de Transportes que pode recoller en Correos até o 17 de abril e que en caso de non seren retiradas pola empresa destinaranse a outros usos. “A día de hoxe a única entrega de máscaras por parte da empresa foron sen homologar, veremos se estas chegan ao persoal”.

Mesmos dereitos

Tamén lembran que o Concello de Vigo vén de aprobar unha medida que protexe do ERTE a unha serie de traballadores/as de servizos municipais, “pero Vitrasa non solicitou do Goberno local ese beneficio para os seus empregados/as”.

Dende a CIG-Vitrasa entenden que teñen os mesmos dereitos que o resto de concesionarias “e imos reclamar todos e cada un deles, porque tristemente queda demostrado que Vitrasa ten máis interese en facerse a foto solidaria e quedar ben co Concello que en protexer os empregados/as e os seus salarios”.

Finalmente, sosteñen que é evidente que reivindicacións como as mamparas, os baños e as tarxetas moedeiro “que se levaban pedindo dende hai moito tempo e nunca se chegaron a conseguir pódense realizar en tempo récord, e é por iso que non imos permitir que tras a finalización do estado de alarma volvan retirarse”.

Volver