A CIG-Vitrasa denuncia que a empresa reduciu liñas, percorridos e frecuencias coa escusa da folga

Os recortes no servizo consolidáronse como “horarios de Nadal” tras a suspensión do paro
Vigo - 30 Dec 2021

A sección sindical de CIG en Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, denuncia que a empresa culpabilizou o cadro de persoal das molestias que ocasionaba nos usuarios/as a redución de servizos durante a folga, mais unha vez que o comité decidiu suspender o paro a dirección consolidou estes recortes como “horarios de Nadal”.

Dende a CIG-Vitrasa sinalan que a compañía reduciu por exemplo as frecuencias dos autobuses que chegaban até Beade, Chans, Fragoselo ou Candeán. Noutros casos, como nas liñas de Valadares-centro (L7), Cuvi-Areal L8), Aeroporto-Praza da Industria (L9) e Saiáns-Teis (L10), elimináronse as partes do percorrido que resultaban menos rendíbeis economicamente para a empresa. 

A empresa fixo unha reestruturación baseada unicamente no aforro de custos sen pensar na diminución da calidade do servizo

“Aínda que nun principio a escusa destes recortes foi a folga, no momento en que os traballadores/as fixeron un alto nas mobilizacións a denominación destes recortes mudou a 'horarios de Nadal', manténdose a redución de servizos, o que demostra que é unha reestruturación baseada unicamente no aforro de custos sen pensar na diminución da calidade do servizo”, censuran.

Neste senso critican que Vitrasa leva meses realizando pequenos recortes, sobre todo nas frecuencias de paso dalgunhas liñas, como a L16, L24 e C2. Esta última mesmo chegou a desaparecer a primeiros de mes como consecuencia -segundo sostén a propia empresa- dos cortes de tráfico no centro de Vigo. “Todo isto loxicamente coa aprobación do Concello de Vigo, que a pesar de non querer mediar no conflito entre a compañía e o cadro de persoal permite a supresión de servizos á súa cidadanía”.

Novas mobilizacións

Finalmente, lembran que o comité optou por desconvocar as mobilizacións, co voto en contra da CIG, e solicitou unha mediación que permita chegar a acordos coa empresa tras un ano tentando negociar un novo convenio, catro xornadas de folga no mes de agosto, 15 días de paros parciais en outubro e outras 18 xornadas de folga entre novembro e decembro.

A representación sindical amosa deste xeito a súa disposición a negociar un convenio que se atopa paralizado polo inmobilismo da empresa. Ao mesmo tempo, reclamaban do Concello unha mediación no conflito que nunca se chegou a producir. Con todo, entenden que a subida de 5 céntimos no prezo do billete abre un novo horizonte nas negociacións. “En caso de non chegar a acordos retomaremos as mobilizacións co inicio do curso académico”, rematan.