A CIG-Vitrasa logra 20 novos contratos indefinidos tras denunciar na Inspección o exceso de xornada

Na sección sindical cifran en 50.000 horas as que se fan a maiores ao ano sumando horas extraordinarias e descansos traballados
Vigo - 20 Mar 2023

A sección sindical da CIG en Vitrasa logrou que a empresa teña que facer 20 novos contratos indefinidos tras denunciar diante da Inspección de Traballo o exceso de xornada na concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo. Na central sindical cifran nunhas 50.000 horas as que o conxunto do persoal fai a maiores ao ano sumando horas extraordinarias e descansos traballados.

A representación da CIG na empresa presentara o ano pasado unha denuncia na Inspección ante o elevado exceso de xornada que se rexistra ao longo do ano, o que lle permite a Vitrasa cubrir os servizos sen contratar o persoal realmente necesario. A finais de ano autoridade laboral emitiu unha resolución na que lle requiría á compañía de transportes que non exceda o límite legal de exceso de xornada, “debendo contratar a novo persoal, no seu caso, coa finalidade de evitar estes excesos”, tal e como figura na propia comunicación da Inspección de Traballo. 

A empresa tamén desiste de recorrer a sentenza que lle impediu inaplicar o convenio

Deste xeito, Vitrasa vén de confirmar que procederá a contratar de xeito indefinido a 20 novos/as condutores/as en cumprimento da resolución. Dende a sección sindical da CIG na empresa amosan a súa satisfacción polo requirimento e trasladan a súa “felicidade” polo feito que “20 novas familias vaian ter un emprego para poder gañarse a vida nestas circunstancias tan duras de suba de prezos e de encarecemento da enerxía e dos combustíbeis”.

Por outra banda, a CIG-Vitrasa parabenízase tamén polo feito de que a dirección desistise finalmente de presentar un recurso contra a decisión xudicial que impediu que puidese inaplicar o convenio colectivo en materia salarial e de xornada, o que se traduciría unha redución de soldos do 30% e un aumento de 86 horas de traballo anual para o persoal de condución.