A CIG-Vitrasa rexeita a rebaixa salarial e insta o Concello a rescindir o contrato coa empresa se incumpre o convenio

Dá por esgotada a vía da negociación e promoverá mobilizacións
Vigo - 27 Abr 2022

A sección sindical da CIG en Vitrasa reitera a súa oposición á rebaixa salarial anunciada pola concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo e insta ao Goberno local a rescindirlle o contrato se a empresa segue a incumprir o convenio colectivo e o prego de condicións do servizo. Ao mesmo tempo, e unha vez rematada sen acordo a mediación pola inaplicación do convenio que pretende a compañía do grupo Avanza, a CIG-Vitrasa dá por esgotada a vía da negociación e anuncia a convocatoria de protestas.

As conversas entre a representación sindical e a dirección remataron o pasado día 25 sen que as partes lograsen chegar a un pacto sobre a inaplicación do convenio que Vitrasa pretende impoñerlle ao conxunto do cadro de persoal e que se traduciría nunha importante baixada de soldos. En consecuencia, a empresa solicitará unha arbitraxe para forzar unha resolución final ao conflito provocado pola súa intención de reducir os salarios un 30% o que queda de 2022 e un 14% en 2023, baseándose nas perdas durante a pandemia e nas posíbeis perdas nos anos 2022 e 2023. 

Vitrasa quere baixar os soldos un 30% no que queda de ano e un 14% en 2023, ademais de incrementar a xornada anual, incluír medidas de flexibilización e eliminar un plus de absentismo 

Vitrasa pretende incrementar tamén a xornada anual, incluír medidas de flexibilización de xornada, eliminar un plus de absentismo que se cobra anualmente e mesmo non entregar unha peza de abrigo no próximo inverno.

Ademais, se o balance de contas de 2023 fose positivo primeiro dedicarían as ganancias a recuperar as perdas dos anos 2020 e 2021, e en caso de seguir en números positivos o resto sería para restaurar aos traballadores/as a súa rebaixa salarial. E a pesar de recibir un reequilibrio de 5,7 millóns de euros, a empresa mantén un contencioso contra o Concello de Vigo pola redución de ingresos dos anos 2020 e 2021 debido á pandemia, no que reclama 14 millóns de euros máis.

Por todo isto, Vitrasa mantén un patrimonio neto de máis de 50 millóns de euros, “polo que son totalmente solventes, mais a pesar diso utilizaron o persoal para presionar ao Concello, como se viu en dúas ocasións, cando atrasaron o abono dos salarios e crearon un conflito innecesariamente”.

Contas moi pouco claras

Unha vez examinadas as contas anuais presentadas, os economistas de CIG conclúen que as contas son “moi pouco claras” e as perdas e ingresos “totalmente volúbeis” a criterio dos administradores/as que as presentan. Como exemplo destacan que para apoiar a solicitude de inaplicación presentáronse até tres contas de resultados realizadas por diferentes auditorías externas e ningunha delas reflectía as mesmas cifras; o balance de gastos lanza cifras de negocio doutras empresas nas que Vitrasa participa, e mesmo do grupo Avanza; e inclúense en gastos anuais partidas como a compra de autobuses que en ocasións anteriores repartíanse durante varios anos como amortizacións a longo prazo.

Redución de servizos e perda de viaxeiros/as

Para CIG-Vitrasa chama a atención que unha empresa que se dedica ao transporte de viaxeiros/as leve dende hai un par de anos recortando sistematicamente servizos, ao tempo de que se queixa de que non aumenta o número de viaxeiros/as. Lembran que a día de hoxe realízanse diariamente case 80 expedicións menos que hai dous anos, ademais de ter desaparecido a liña C2, o que fai que nas cocheiras de Vitrasa haxa da orde de 20 autobuses parados a diario.

“Incumpren o prego de condicións diminuíndo servizos, e estes recursos deberían estar na rúa captando viaxeiros/as, polo que hai que realizar unha oferta máis atractiva de transporte urbano, xa que a actual deixa moito que desexar como o constatan as continuas queixas das persoas usuarias”. Consideran que a empresa non ten vocación de servizo público, xa que unicamente actúa para optimizar beneficios. “Se esta concesión non responde ás súas expectativas económicas, o mellor para os empregados/as, a propia compañía e a veciñanza sería que o Concello se fixese cargo da concesión”, indican desde a sección sindical da CIG.

Problemas noutras explotacións

Finalmente, sinalan que non hai que esquecer que o grupo Avanza está a ter problemas noutras concesións coas que conta no Estado español, como Ourense, Durango, Málaga, Zaragoza ou Ávila, “ explotacións que nos últimos meses, e mesmo anos, están a ter conflito, nuns casos polo convenio colectivo e noutros por inaplicación de convenio, ou polas dúas cousas ao mesmo tempo como é o caso de Vigo”. Nesta liña, lembran que na cidade olívica o convenio leva caducado dende finais de 2020, coa perda de poder adquisitivo que iso implica, e lamentan que Vitrasa non teña interese en negociar.

Por todas estas razóns, dende a sección sindical de CIG en Vitrasa entenden que a vía de negociación está esgotada, polo que promoverán mobilizacións para solicitarlle ao Concello que lle esixa á empresa que se faga cargo das súas obrigas co cadro de persoa, “e en caso contrario que proceda a retirarlle a concesión”.