
A CIG volve concentrarse diante do Colexio Maior Xelmírez para denunciar o acoso laboral continuado contra unha traballadora

Representantes da CIG-Compostela e traballadoras do Colexio Maior Xelmírez, en Santiago de Compostela, concentráronse na tarde de onte para denunciar a situación de acoso laboral que unha traballadora vén sufrindo desde hai anos. A central sindical apoia á afectada, que leva enfrontándose desde 2009 a un comportamento hostil por parte da encargada, María Sánchez, unha situación que se intensificou a partir de 2021 coa chegada da nova directora, Sonia Calvete, e coa inacción da empresa concesionaria, Seresca Catering.

A traballadora relata que o acoso comezou pouco despois de incorporarse ao centro e agravouse significativamente desde a chegada de Sonia Calvete á dirección. Malia que a directora foi informada dos feitos, non só non tomou medidas para frear o comportamento de María Sánchez, senón que “contribuíu a perpetuar un ambiente laboral tóxico”, segundo a denuncia da CIG. A afectada describe un “acoso case diario” que compromete gravemente a súa saúde emocional e fai insostible o seu día a día no traballo.
Seresca Catering, empresa responsable da xestión do servizo, tamén foi sinalada pola súa falta de resposta efectiva. En 2023, a traballadora presentou unha queixa formal detallando os feitos, o que levou á apertura dun protocolo de acoso laboral. Porén, este proceso resultou “insuficiente e ineficaz”, xa que non resolveu o problema nin garantiu a protección da vítima, permitindo que a encargada continuase co seu comportamento.
A CIG cualifica este caso como un exemplo claro da “desidia” de empresas e institucións á hora de combater o acoso laboral, un problema que vulnera os dereitos fundamentais das traballadoras. “É intolerable que unha persoa leve máis de quince anos sufrindo acoso sen que se actúe con firmeza. Tanto a dirección do Colexio Maior como Seresca Catering son responsables, xa sexa por omisión ou por acción”, declarou Lucía Freire, representante da CIG-Servizos.
Freire criticou especialmente o protocolo de 2023, que describe como “unha mera formalidade sen consecuencias reais”, e esixiu medidas inmediatas para protexer á traballadora afectada. A CIG reclama a separación da agresora do posto, a apertura dunha investigación independente que analice os feitos con rigor e a implementación de protocolos de prevención efectivos que aseguren un entorno laboral seguro e respectuoso para todo o persoal.
Ao remate da concentración a CIG advertiu que continuará mobilizándose ata que se garanta a protección da traballadora e se erradique o acoso laboral no centro. “Non permitiremos que se normalice este tipo de abusos. A loita contra o acoso laboral é unha prioridade para a CIG, e seguiremos ao lado das traballadoras afectadas”, concluíu Freire.