A CIG volve mobilizarse contra a decisión do Banco Santander de pechar a oficina de Guísamo

Veciñas e veciños participaron na concentración para demandar que se manteña a actividade
Bergondo - 23 Abr 2021

A CIG volveuse concentrar diante da oficina do Banco Santander de Guísamo (Bergondo) en rexeitamento ao peche da sucursal que a entidade fixo efectivo este mesmo venres. A protesta, ao igual que aconteceu na convocatoria anterior, contou coa participación de ducias de veciñas e veciños que quixeron trasladar o seu malestar ante decisión do Santander.

CIG-Banca denuncia que o Banco Santander segue a pechar oficinas de proximidade, reducindo horarios de caixa “e facendo que a clientela teña que trasladarse dende a súa sucursal de toda a vida cara a outra punta das cidades ou mesmo cara a outros concellos para poder facer as xestións que precisan, nunhas oficinas que ademais xa están colapsadas”. De feito, este peche deixa a Guísamo sen ningunha sucursal, cando hai uns anos a localidade contaba con varias oficinas de caixas e bancos.

Pero esta non é unha actuación illada, senón que a hai que enmarcar no proceso de cerre de oficinas, recorte de servizos, de horarios de caixas, incremento das comisións e a redución de postos de traballo que está a levar adiante o Banco Santander, en base a unha suposta dixitalización da súa clientela.

Exclusión dos servizos financeiros

Este proceso ten especial afectación nas zonas rurais e nas vilas máis pequenas ao deixar a cidadanía sen acceso aos servizos financeiros. Pois hai que ter en conta que boa parte da clientela que fai uso dos servizos da oficina son persoas maiores ou que non dispoñen dos medios técnicos e coñecementos para manexarse na banca dixital ou incluso nos caixeiro, tal e como acontece no caso de Guísamo.