A CIG, xunto a outros sindicatos europeos, condena o plan de anexión do Goberno israelí

A central participa tamén na protesta convocada en Compostela por Palestina.gal e Pallasos en Rebeldía

Internacional -

A CIG, xunto ás outras organizacións sindicais que integran a Rede sindical europea para a xustiza en Palestina, amosa a súa condena ao plan de anexión dos territorios ocupados de Cisxordania formulado polo Goberno israleí. Asía mesmo, a CIG tamén participa na protesta convocada na tarde deste mércores na Praza do Toural pola plataforma Palestina.gal, da que a central sindical fai parte, e por Pallasos en Rebeldía.

Comunicado da Rede sindical europea

O plan do goberno israelí de anexar partes da Cisxordania ocupada supón un golpe devastador para os dereitos palestinos e as perspectivas dunha solución de dous estados, cun estado palestino viable xunto a Israel. As propostas, baseadas no denominado 'Deal of the Century' do presidente estadounidense Trump, terán como consecuencia grandes anexións de terra palestina, actualmente en ocupación militar, incluíndo o val de Xordania e os asentamentos ilegais, declarados unilateralmente como parte de Israel, en violación durante décadas, das resolucións das Nacións Unidas e do dereito internacional.

Durante máis de medio século, a poboación palestina de Cisxordania soportou un represivo sistema de ocupación militar, que violentou os seus dereitos, incluíndo a liberdade de circulación, traballo digno, saúde, educación, auga e outros servizos públicos.

A comunidade internacional debe responder inmediatamente á chamada da sociedade civil palestina e das organizacións de dereitos humanos, incluídos os sindicatos para esixir "medidas eficaces" dos Estados nacións para evitar a anexión.

Como movemento dos sindicatos europeos, comprometidos cos dereitos humanos e dos/as traballadores/as e o dereito internacional, instamos á Unión Europea e aos gobernos europeos a:

  • Suspender o Acordo de Asociación UE-Israel ata que o goberno israelí cumpra as súas cláusulas sobre dereitos humanos e retire o seu plan de anexión
  • Suspender o comercio de armas con Israel
  • Impoñer a prohibición do comercio cos asentamentos ilegais israelís e as compañías cómplices
  • Excluír a Israel dos Programas de investigación europeos.

Ademais, facemos un chamamento a todo o movemento sindical para que cumpra a chamada dos sindicatos palestinos e da sociedade civil palestina a "non favorecer medidas lesivas" e, polo tanto, no referente ás políticas de compra e inversión propias, prohibir ás empresas que se beneficien ou sexan cómplices cos asentamentos ilegais israelís.

Volver