A CIG reitera a necesidade de reforzar o persoal do Xulgado de Xinzo de Limia

Vén de remitirlle un novo escrito á Dirección Xeral da Consellaría de Xustiza alertando da situación de colapso na que se atopa este órgano
Xinzo de Limia - 11 Feb 2025

A CIG vén de reiterar diante da Dirección Xeral da Consellaría de Xustiza a necesidade de reforzar o Xulgado Único de Xinzo de Limia ante a situación de colapso na que se atopa este órgano xudicial como consecuencia da falta de persoal.

Dende o sector de Xustiza da CIG-Administración explican que ante o “total abandono e desprezo” amosados tanto polo TSXG como pola propia Dirección optaron por remitir un novo escrito para reiterar a denuncia posta en coñecemento en ocasións anteriores a respecto da sobrecarga de traballo á que está sometida o persoal, “tal como se fai referencia na solicitude de nomeamento que foi remitida polo letrado da Administración de Xustiza o pasado 24 de xaneiro”. 

A central denuncia o "abandono e desprezo” que amosan oTSXG e a propia Dirección Xeral de Xustiza

Nesa solicitude pódese comprobar a xustificación da carga de traballo que soporta mediante a comparación con outros órganos equivalentes, “así como a acreditación dunha especifica situación conxuntural que xustifica a medida”. En concreto, as ausencias de persoal no cadro de auxilio (estando de baixa os dous no seu momento, e tendo en conta que un deles é o único encargado do rexistro civil); así como a baixa dunha tramitadora, “cun mes sen cubrir a praza, e cuberta despois por unha funcionaria interina sen ningunha experiencia previa”.

En consecuencia, e tendo en conta a “precaria” dotación de persoal para este Xulgado Único, solicitan o nomeamento urxente dun reforzo para o corpo de tramitación procesual e administrativa, “tal e como se recolle na solicitude 15310 remitida polo propio letrado dese órgano xudicial”.