A Comisión de Centro da área sanitaria viguesa reclama unha unidade de críticos no Meixoeiro e o uso de todas as camas pechadas

As propostas fóronlle trasladadas ao conselleiro de Sanidade nunha xuntanza celebrada hoxe
Vigo - 30 Ago 2016
A Comisión de Centro da atención especializada da área sanitaria de Vigo trasladoulle hoxe ao conselleiro de Sanidade a necesidade de dotar o Meixoeiro dunha unidade de críticos para incrementar a complexidade da actividade cirúrxica, non só ambulatoria senón tamén con ingreso. A Comisión, que fai parte da Xunta de Persoal, reclama tamén o uso de todas as camas e os espazos que se atopan pechados na actualidade.

O anuncio foi feito hoxe mesmo tras a reunión celebrada no hospital do Meixoeiro coa Xerencia da EOXI e co conselleiro de Sanidade, encontro que tivo lugar por iniciativa do responsábel autonómico a pesar de que a Xunta de Persoal, da que forma parte a Comisión de Centro, tiña solicitado en varias ocasións unha xuntanza co conselleiro.

A representación dos traballadores/as remitíralle en marzo unha proposta sobre a ordenación asistencial da área de Vigo, sen que a data de hoxe recibisen contestación. “Pero casualmente en pleno período preelectoral convócasenos para falar do futuro do Meixoeiro, sen que o conselleiro tivera lido o documento que lle enviamos”, critican.

Segundo denuncian, a reunión podería resumirse nunha nova lista de promesas para o hospital vigués. “Queren reforzalo coa cirurxía ambulatoria, e despois da presión exercida pola Xunta de Persoal e polos traballadores/as recoñecen que teñen que incrementar a complexidade das patoloxías que se tratan neste centro, tanto cirúrxicas como médicas; pero non concretan prazos, nin recursos humanos nin económicos.

Diante disto, dende a Xunta de Persoal reclaman a dotación dunha unidade de críticos no Meixoeiro, xa que permitiría incrementar a complexidade da actividade cirúrxica, non só ambulatoria senón tamén con ingreso, e o uso das camas de patoloxías médicas pechadas na actualidade.

En canto o Anexo I do hospital Xeral, indican que o conselleiro ratificou o seu abandono para a sanidade pública “en suposto beneficio da Cidade da Xustiza; a perda deste importante recurso supón hipotecar o futuro da atención especializada na área de Vigo”.

Finalmente, reiteran que seguirán a demandar o uso sanitario dos espazos abandonados tras a apertura do hospital Álvaro Cunqueiro, así como que o Meixoeiro volva utilizar o 100% dos seus recursos tanto humanos como materiais. “Todo isto será máis fácil de conseguir cando o Cunqueiro volva á sanidade pública e a planificación da área sanitaria responda só aos intereses da cidadanía”.