A Comisión de Centro do CHUAC denuncia a precariedade e falta de persoal da Unidade de Ictus

Piden solucións inmediatas para garantir unha atención adecuada
A Coruña - 16 Out 2018

A Comisión de Centro Sindical do CHUAC denuncia as dificultades do persoal da Unidade de Ictus para cumprir coas normas de calidade adecuadas e poder atender con eficacia e seguridade os e as pacientes destas. O órgano de representación esixe á dirección solucións inmediatas e que se dote a unidade de Ictus con todo o persoal necesario e de maneira estábel.

No CHUAC existe unha Unidade de Ictus (UI) desde o verán de 2016, creada durante a precampaña das eleccións ao Parlamento galego. A Comisión de Centro, no momento da súa apertura en xullo de 2016, congratulábase polo inicio deste dispositivo asistencial na área sanitaria pero, ao mesmo tempo, denunciaba "a improvisación, desorganización, falta de planificación e a pouca dotación de persoal, o que facía pensar que non era máis que propaganda e oportunismo electoral do Partido Popular", lamenta a presidenta da Comisión, María Seijo (CIG).

Múltiples problemas

A Comisión de Centro en múltiples ocasións e os propios traballadores e traballadoras do servizo de neuroloxía teñen informado e demandado unha solución á dirección polos graves problemas desta UI. A saber:

- problemas arquitectónicos, xa que existen barreiras que impiden ver as/os pacientes desde o control de enfermaría, dificultando a observación intensa que precisan, que só se pode facer entrando na habitación.

- ausencia de Técnico/a en Coidados de Auxiliar de Enfermaría durante a noite, quedando soa a enfermeira toda a noite. "Hai unha auxiliar en neuroloxía pero tamén ten que atender a pacientes da unidade de neurocirurxía, onde hai 36 pacientes altamente dependentes e só contan cunha auxiliar de enfermaría polo que a UI queda só coa enfermeira", advirten.

- falta dun cadro de persoal estábel: a cobertura do cadro de persoal de enfermaría e de auxiliar de enfermaría faise con eventuais, con contratos lixo, chamados ‘acúmulos de tarefas’, que duran até 2 meses no caso das/os enfermeiras/os e até 10 días nas auxiliares de enfermaría.

Persoal eventual e con elevada rotación

"Para que as UI reduzan mortalidade e secuelas nos ictus é necesario que a/o paciente chegue ao hospital nas primeiras horas do ictus, que un bo neurólogo ou neuróloga estea presente e poida facer o diagnóstico correctamente, que se lle poida facer un escáner de urxencia, indicar o tratamento e que haxa persoal de enfermaría e auxiliares de enfermaría exercitado e suficiente para poder realizar a vixilancia e os coidados precisos en cada momento. Se falta algún destes elementos todo pode saír mal", afirman dende a Comisión.

Unha unidade deste tipo non se pode cubrir con persoal eventual con rotación cada varias semanas e manter unha enfermeira soa toda a noite"

Por esta razón, insisten en que unha unidade deste tipo non se pode cubrir con persoal eventual con rotación cada varias semanas e manter unha enfermeira soa toda a noite, desde as dez da noite até as oito da mañá, "tal e como está a facer a dirección do CHUAC. Feijoo anuncia ampliacións nun 50% do hospital para o 2020 pero levamos dous anos cunha unidade especializada en condicións de absoluta precariedade", denuncian.

Alén do propagandístico de dicir que o hospital conta cunha Unidade de Ictus "o fundamental do dispositivo, para que este sexa eficaz e cumpra a súa función, son os e as profesionais que o forman e só o inmenso esforzo e dedicación destas persoas permitiu manter esta unidade en actividade este tempo".

Dende a Comisión de Centro tranquilizan as e os doentes asegurando que van contar coa atención rigorosa do persoal "pero pero non se pode continuar coa situación de precariedade e escasa dotación de persoal en neuroloxía. É irresponsábel e temerario". A Comisión de Centro esixe unha solución inmediata por parte desta dirección dotando de modo estrutural e estábel tanto a Unidade de Ictus como a Unidade de Neuroloxía.

Primeira causa de mortalidade

A Comisión de Centro do CHUAC lembra que a primeira causa de mortalidade en Galiza son as enfermidades do sistema circulatorio, entre as que se encontra o ictus. Estas unidades reducen mortalidade e secuelas, sempre que se dean as condicións dunha boa selección de pacientes, un cumprimento adecuado da protocolización da actividade e se conte con persoal adestrado. Están recomendadas pola OMS e xa aparecían nos obxectivos do Plan de Saúde Galego 2002-2005 "a pesar de que non chegou á Coruña até o 2016".

Todas estas unidades están formadas por 4-6 camas (4 no caso do CHUAC) e proporcionan coidados agudos. Manteñen unha observación continua por parte de enfermaría, moi exahustiva durante as primeiras 24 horas do ictus, que valora o dano neurolóxico mediante escalas neurolóxicas e funcionais, ademais de atender de modo inmediato a problemas complexos como convulsións, hemorraxias intracraneais ou axitación psicomotora.

Ademais, en todas elas séguese un programa estandarizado de avaliación diagnóstica, tratamento agudo e rehabilitación mediante un equipo multidisciplinario de ictus.