A Comisión de Centro responsabiliza a Xerencia de deixar menos enfermeiras/os por quenda no CHUAC

Demanda a elaboración dun plan para abordar este déficit e mellorar a atención a doentes
A Coruña - 03 Ago 2022

A Comisión de Centro do CHUAC vén de denunciar que a Xerencia está deixando unidades e/ou servizos con menos enfermeiras e enfermeiros por quenda. Asegura que, aludindo ao déficit de profesionais desta categoría, non se cobren ausencias, o que obriga ao persoal de enfermería que queda a atender máis doentes.

Son varias xa as unidades onde se está producindo isto. Cabe lembrar que o CHUAC ten os hospitais con menos enfermeiras/os por paciente de todo o SERGAS, polo que atender a máis doentes dos que se viñan atendendo supón un maior esforzo.

A Comisión de Centro entende que con todo isto vese comprometida a asistencia que se presta así como a saúde das/os traballadoras/es, onde se están repetindo cadros de ansiedade e estrés.

Ante isto a Comisión solicitou unha reunión urxente coa Xerencia para que explicase que plan ten para abordar este déficit de persoal de enfermería, pero non aportan ningún plan, nada, “simplemente aluden ao déficit desta categoría para diminuír as presenzas por quenda de traballo”.

A Comisión esixe a Xerencia e o SERGAS responsabilidade, porque “non vale dicir que non hai enfermeiras/os e sobrecargar as/os que están”.

Por iso demanda a elaboración dun plan para abordar este déficit, mellorar as condicións de traballo, retribucións xustas. “Todo o necesario para tratar de captar mais profesionais”.