A Comisión de Seguimento deixa sen garantías de emprego o persoal non subrogado pola UTE Morán

Tras acordar o arquivo do expediente de rescate da liña de autobús
Ribadeo - 15 Nov 2017

A comezo da semana transcendía que a Comisión de Seguimento para avaliar o cumprimento do contrato da liña de autobús “A Mariña-Viveiro-Ribadeo, con anexos”, adxudicada á UTE Autos Morán-Autocares Rodríguez Domínguez, acordou o arquivo do expediente de rescate da concesión, deixando sen ningunha garantía de emprego a todo o persoal que non foi subrogado pola UTE o pasado 8 de agosto. "A Comisión de Seguimento, coa conselleira á súa fronte, vén de deixar sen efecto as garantías de conservar a totalidade dos postos de traballo", denuncia Christian López Carmona, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo.

A Comisión de Seguimento do Plan de Transportes da Xunta  conta con representación da patronal, os sindicatos UGT e CCOO,  e a Consellaría de Infraestruturas, quen a primeiros de setembro informou que ía iniciar o proceso para a retirada  da concesión á nova adxudicataria. Mais agora, esa comisión "vén de deixar sen ningunha garantía os empregos a todo o persoal que non foi subrogado pola devandita UTE Morán", critica.

Engade López Carmona que a partir de agora o persoal afectado unicamente poderá actuar no plano legal mediante as oportunas demandas de subrogación e, subsidiariamente, de despedimento, "as cales en ningún caso se resolverán antes de finalizar o ano 2017".

"Consúmanse os peores presaxios, a mentira da conselleira, ao non garantir que o persoal poida manter os postos de traballo previos, e a ineptitude de todas as persoas que dentro do circo montado arredor da Comisión de Seguimento non son capaces de promover a resolución deste asunto con garantías para manter os postos de traballo", subliña. En consecuencia, no plano laboral, cabe destacar que este Plan da Xunta de Galiza, "para o persoal desta empresa foi un completo desastre".

A CIG manifestou dende o principio que, "lamentablemente, a única saída serían os procesos xudiciais abertos" e do mesmo xeito, púxose o acento nos xogos que se daban entre as distintas empresas para acadar unha posición estratéxica de cara ao proceso de asignación de contratos para o ano 2019.

Asemade, lembra López Carmona que este conflito non existía, que foi creado "e ten culpábeis, coa conselleira á fronte. O persoal afectado aínda non entende como todas aquelas garantías da Xunta agora son papel mollado, nin como diante desta situación todo o persoal afectado pode perder finalmente o seu traballo. Lamentábel!", conclúe.