A compañía viguesa Conservas Cerqueira impide a celebración dunha asemblea para informar da folga xeral

A CIG presentará denuncia contra a empresa na Inspección de Traballo e no Xulgado por vulneración do dereito de liberdade sindical
Vigo - 09 Nov 2026

A CIG anunciou hoxe a súa intención de denunciar diante da Inspección de Traballo e do Xulgado do Social a negativa da compañía viguesa Conservas Cerqueira a permitir a celebración dunha asemblea para informar da convocatoria da folga xeral deste mércores 11 de novembro.

Segundo explican dende a central sindical, o pasado 4 de novembro solicitaron por correo electrónico a celebración dunha asemblea no comedor da empresa para este luns 9 de novembro, encontros que terían lugar no tempo de descanso das diferentes quendas de traballo (11:30 horas, 12:00 horas e 14:30 horas). 

A empresa di que a asemblea afectaría a organización produtiva do centro de traballo, cando sempre se fixeron neses horarios

Mais a responsábel de recursos humanos de Conservas Cerqueira, Laura Pernas Varela, respondeu á solicitude asegurando que a empresa non pode permitir a asemblea nos termos e horarios propostos “ao afectar á organización produtiva do centro de traballo”, malia o que non ofreceu ningunha alternativa.

A FGAMT-CIG, que conta con 3 persoas delegadas no comité de empresa, lembra que dende hai anos as asembleas fanse no tempo de descanso e nunca afectaron a actividade da empresa. “Estamos diante da única compañía de Vigo que impide celebrar unha asemblea para informar as persoas traballadoras da convocatoria da folga xeral”, censuran.

Ao tempo que consideran moi grave a actitude da dirección, xa que vulnera a Lei Orgánica de Liberdade Sindical ao impedir que o cadro de persoal poida celebrar unha asemblea nas instalacións da empresa e recibir información sobre os motivos da folga xeral por parte dunha das centrais sindicais convocantes. En consecuencia, adiante a súa intención de presentar denuncia por estes feitos tanto na Inspección de Traballo como no Xulgado do Social.