A concesionaria do bus urbano de Ourense rexeita negociar mentres haxa folga convocada malia ter solicitado a mediación
A representación da CIG no comité de empresa de Urbanos de Ourense, concesionaria de transporte urbano do Concello de Ourense, denuncia que a dirección se nega a negociar mentres haxa folga convocada a pesar de que foi a propia compañía a que solicitou a mediación do AGA. Por outra banda, dende a central sindical anunciaron o adiamento do inicio do paro indefinido -previsto para o día de onte- ao vindeiro martes 3 de maio debido a un erro burocrático.
O cadro de persoal de Urbanos de Ourense decidiu recentemente en asemblea retomar a folga indefinida que non se chegara a efectivizar en 2020 e que non fora desconvocada para rexeitar os intentos da empresa de precarizar as condicións laborais e denunciar que a compañía leva tres anos negándose a negociar un convenio colectivo digno.
Dende a CIG lamentan que o primeiro intento de mediación no AGA para chegar a un acordo que poña fin ao conflito laboral fracasase na primeira reunión e explican que non accederon a desconvocar a folga “sen ter antes algún tipo de avance significativo sobre o convenio actual”. A proposta da parte social era a de aproveitar os 12 días que quedan para chegar ao paro para negociar e, en virtude dos avances que se puidesen producir, adiar o inicio da folga ou incluso desconvocala definitivamente, tal e como confirmou onte o propio comité en rolda de prensa.
Pero a empresa negouse a calquera tipo de negociación sen a previa desconvocatoria, “actitude cando menos curiosa ten en conta que foi a propia compañía a que solicitou a mediación do AGA unha vez que os traballadores/as acordaron en asemblea o comezo da folga indefinida”.