A Consellaría acelera ao máximo o peche de aulas e a redución de docentes en Infantil e Primaria

Provocando un elevado número de supresións de mestres e mestras
Nacional - 13 Xul 2021

A Consellería de Educación está a "premer o acelerador" para pechar aulas e colexios neste mes de xullo, provocando un elevado número de supresións de mestres e mestras, até situarse ao mesmo nivel do que se facía até o curso 2018/2019. A CIG-Ensino advirte que, cos datos incompletos, "e que sen dúbida irán moito máis alá cando a finais de mes se coñeza a foto fixa final do peche de aulas e de perda de docentes", xa están confirmados peches de aulas e supresións de profesorado nos seguintes centros: 

CEIP San Marcos (Abegondo), CEIP A Maía (Ames), EEI VIlarrodís (Arteixo), CEIP Praia Xardín (Boiro), CEIP Portofaro (Cambre), CEIP Sagrada Familia (A Coruña), CEIP Salgado Torres (A Coruña), CEIP Isaac Díaz Pardo (Culleredo), CEIP Recimil (Ferrol), CEIP Areouta (Fisterra), CPI Pontecarreira (Frades), CEIP O Coto (Negreira), CEIP A.D.R. Castelao (Ordes), CEIP Flavia (Padrón), CEIP Santa María (As Pontes), CEIP Serra de Outes (Outes), CEIP Deán Grande (Ribeira), CEIP Palmeira (Ribeira), CEIP A Igrexa-Calo (Teo), CEIP Princesa de España (Verín), CEIP Folla Respino (Vilamarín de Valdeorras), CEIP A Pedra (Bueu), EEI A Pastora (Cambados), CEIP Dr. Suárez (Fornelos de Montes), EEI N. Sra. do Carme (Marín), CEP Altamira (Salceda de Caselas), CEIP Nº 2 (Tui), CEIP Frián-Teis (Vigo).

Ademais de aulas tamén pechan centros completos no rural, como é o caso do CEIP Baamonde (Begonte) e o do CEIP Pino de Val (Mazaricos) ou se pretende agrupar a todo o alumnado de Primaria (17 alumnos e alumnas de 1º a 6º) no CEIP Areouta, no Sardiñeiro (Fisterra) até agora escolarizados en dúas aulas, "un auténtico despropósito desde todos os puntos de vista".

A escusa dos "criterios técnicos"

Máis alá dos peches, subliña a CIG-Ensino, está o que hai detrás de cada situación. Así, hai casos como o do colexio de Calo (Teo) no que hai informes que indican que un 10% das crianzas teñen necesidades educativas de apoio específico. Esta situación é, como sabe a propia Consellaría, habitual en máis centros.

Con esta decisión o goberno do PP mantén a súa traxectoria no ensino público: pechar aulas e mesmo colexios no rural, eliminar desdobres en ámbitos urbanos e, en todas partes, aplicar a máxima de que a educación é un gasto e non un investimento polo que ampliar ratios, saturando aulas e eliminado postos de traballo.

Agora estes recortes impóñense en supostas “decisións técnicas” motivadas pola caída da matrícula e por unhas condicións de resposta á situación sanitaria que os propios cargos políticos que asesoran ao goberno fixan.  Mais, "pode considerarse unha “decisión técnica”, arroupada en cifras e non na situación real das persoas e nos núcleos de poboación dos centros, pechar unha aula para agrupar alumnado sen preocuparse das dificultades deste? Pode agruparse por motivos técnicos a nenas de 6 anos con nenos no último curso antes de acceder á ESO? Todo para “aforrar” ás veces 1 ou 2 docentes en cada centro", cuestiona a CIG-Ensino.

Para a central sindical, que todo isto se faga nun curso aínda en plena pandemia e con todas as incertezas, que se faga sen ter conta a necesidade do alumnado, mais tamén do profesorado, despois das dificultades e esforzos deste curso, deixa ben ás claras a falta de sensibilidade da Consellaría coa educación e co ensino público en particular.