Educación mantén os concertos aos centros que segregan por sexo

A Xunta “segue a aplicar a LOMCE en toda a súa crueza contra o ensino público galego”
Nacional - 22 Ago 2017

A Consellaría de Educación manterá os concertos aos centros que segregan por sexo, fixando a duración dos concertos en seis anos, cando isto só é preceptivo para a o ensino primario, “é dicir, o goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza, vai máis alá da LOMCE na defensa do ensino concertado”.

Como en anos anteriores, e coa intención de que pase desapercibida para a sociedade galega,  a Xunta acaba de publicar en pleno período vacacional, a orde pola que se aproban os concertos educativos cos centros docentes privados de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial, e de formación profesional.

A CIG-Ensino denuncia que nesta orde “se aplica a LOMCE en toda a súa crueza contra o ensino público galego”, pois en contraposición ao crecemento do ensino privado concertado, “temos que a mesma consellaría practica un recorte sistemático, inxustificado e inaceptábel no ensino público, suprimindo centros, unidades e profesorado”.

O mantemento dos concertos aos centros educativos que segregan ao alumnado por razón de xénero (CPR Aloia, CPR Las Acacias, CPR Montecastelo, CPR Montespiño e CPR Peñarredonda) “convértese na demostración de que este goberno do PP está disposto a favorecer a determinado tipo de centros, publicamente vinculados co Opus Dei”. Cómpre lembrar que, no seu momento, estes concertos se mantiveron de forma contraria á lei.

A CIG-Ensino considera totalmente inaceptábel e un insulto á sociedade galega esta privatización do ensino e denuncia a intención permanente desta Consellaría de favorecer as patronais do ensino privado.