A Consellaría de Política Social segue negándose a negociar a recuperación dos dereitos recortados en 2012

Este xoves continuaron as protestas nos centros de atención directa
Nacional - 18 Xun 2020

Por cuarto xoves consecutivo, o persoal dos centros de atención directa (residencias de maiores, centros de menores, centros de atención a persoas con discapacidade, centros residenciais, etc.) volveuse mobilizar para esixir a recuperación dos dereitos recortados en 2012. Porén, a  "conselleira de Política Social segue negando unha saída negociada ao conflito e facendo oídos xordos ás xustas reivindicacións dos seus traballadores e das traballadoras".

A este respecto, CIG, CCOO, CSIF e UGT lembran que o persoal dos centros dependentes da Consellería de Política Social actuaron "desde o primeiro momento coa máxima dedicación, compromiso e profesionalidade para intentar frear a afección da pandemia; pero despois de catro xoves de concentración continuados, a Fabiola García, aínda non se dignou a chamar as organizacións sindicais convocantes para preguntarlles que están a demandar".

Un servizo público digno e eficaz, única garantía para unha atención de calidade

O que reivindica o persoal non é outra cousa que unha aposta decidida por uns servizos sociais públicos, dignos e de calidade; o incremento de prazas públicas e de xestión directa; a recuperación das compensacións por festivos e domingos traballados; a transformación de todos os contratos de fin de semana ou inferiores, a xornada completa; así como a posta en valor do traballo e o esforzo realizado durante a situación de emerxencia sanitaria.

A secretaria do sector de Autonómica da CIG-Administración, Zeltia Burgos, subliña que a "única forma de que haxa unha garantía de calidade para a atención das persoas maiores, das persoas dependentes, menores e con discapacidade é un servizo público digno, eficaz e de calidade".

Por iso, engadiu, non se entende como a Xunta mantén recortados os dereitos do persoal empregado público dende o ano 2012, cando, baixo a escusa da crise económica, suspendeu a aplicación de varios artigo do V Convenio Único para poder obrigar ao persoal a traballar tres fins de semana consecutivos ou que non teñan dous días de descanso á semana.

Aínda hai persoal de Política Social trasladado a centros privados

Xunto a isto, Burgos criticou que, malia a présa que se deu o Goberno de Feixoo para que Galiza fora a primeira autonomía en saír do estado de alarma, Política Social continúa tendo persoal trasladado para traballar nas residencias privadas,  cuestionando o custe que isto ten para o conxunto das arcas públicas e para o propio persoal "que se atopa cunhas condicións moi precarias, achegando o seu esforzo para beneficio das residencias de fundacións relixiosas, de multinacionais e de fondos voitre".

As protesta continuarán

Ante a falta de interlocución, a representación sindical mantén o calendario de mobilizacións e accións de protesta para defender as xustas reivindicacións laborais do persoal, "pois resulta inaceptábel que sigan cos dereitos recortados e discriminados fronte a outros colectivos aos que se lle compensan os domingos e festivos traballados, ou mesmo teñen redución da xornada máxima anual por traballar de noite".