A Consellaría está a traballar para reducir aulas e profesorado en Secundaria no curso que vén

Así se confirma tras das visitas de persoal técnico dunha empresa privada a centros educativos

Nacional -

A CIG-Ensino tivo coñecemento de que hai arquitectos dunha empresa privada contratada pola Xunta de Galiza visitando centros educativos en nome da Xefatura Territorial de Educación para ver como tirar paredes e facer aulas máis grandes de cara ao curso que vén. Estas visitas, segundo a información da que dispomos neste momento, estarían previstas para todos os centros de secundaria de momento na provincia da Coruña aínda que se estenderían a todo o país. 

O cometido desta empresa é presentarlle propostas á Xunta para acondicionar os centros de cara ao próximo curso e así eliminar os actuais desdobres. Así, por exemplo, mediante a eliminación de tabiques fixos e a colocación de tabiques móbiles acústicos, que supostamente limitarían que pasen ruídos dunha aula a outra, se conseguiría unha redución de aulas e docentes que nalgúns centros podería ser moi relevante. 

A directriz que terían recibido estes profesionais dunha empresa privada é que as propostas partan da matrícula actual e das distancias de seguridade vixentes (lembremos que despois de aplicar o metro e medio o novo equipo da Consellaría obrigou a ter con conta a colocación de mamparas con unicamente un metro de distancia entre as cabezas do alumnado) para así pode executar as reformas necesarias antes do comezo do curso escolar 2020/21 e reducir o “gasto” en profesorado. 

A CIG-Ensino considera esta medida como un novo paso atrás e pedirá explicacións na Mesa Sectorial de mañá, 15 de decembro. Para o sindicato as medidas a tomar, sempre coas cautelas sanitarias e de protección da saúde por diante, deben reforzar os grupos reducidos, e sen que en ningún caso empeore a situación actual. 

Volver