A Consellaría facilita os datos de aulas habilitadas un mes e medio despois de que llos solicitara a CIG-Ensino
A Consellaría de Educación vén de publicar hoxe a relación de unidades de educación infantil, primaria e educación especial habilitadas este curso para dar cumprimento á ratio legal máxima de 25 alumnos e alumnas por aula e que a administración vendeu como se fora un reforzo ante a situación ocasionada pola Covid-19. Pero malia a propaganda vertida desde o mes de xullo até hoxe non se coñecían os datos desagregados deses desdobres.
"Non foi porque a CIG-Ensino nos o reclamara. O pasado 14 de agosto remitimos unha solicitude formal de acceso a información pública para coñecer cal era a relación de centros nos que se habilitaron as novas aulas, vencendo xa o prazo para obter unha contestación oficial", explican.
Unha vez relevado o equipo da Consellaría, a CIG-Ensino volve pórse en contacto cos novos responsábeis para esixir estes datos "e, despois de anunciar que recorreriamos á Valedora do Pobo, contestáronnos que 'esa documentación se traspapelara'". Hoxe e despois de telo solicitado insistentemente deciden publicala.
A CIG agarda que se publique de inmediato outra cuestión que nestes días está preocupando a toda a comunidade educativa: o número de casos positivos detectados nos centros educativos e a súa afectación en canto a aulas pechadas e a alumnado e profesorado en corentena. "Non é de recibo que tanto familias como persoal docente e non docente estean coñecendo pola prensa esta información e mesmo persoas afectadas, contaxiadas ou en contacto con positivo, estean a recibir informacións contraditorias sobre realizar illamento ou incorporarse ao centro".