• Nova

A consellaría impide o aumento de prazas dos mestrados de secundaria

A CIG evidencia unha vez máis este problema nos Consellos Sociais da USC e da UVigo
Nacional - 01 Ago 2022

A CIG trasladou nos Consellos Sociais das Universidades de Santiago e Vigo por enésima vez a reclamación de aumentar o número de prazas nos mestrados de formación de profesorado das universidades galegas. Porén, a central sindical atopouse con que é a propia consellaría do ramo a que impide que se oferten máis prazas para a formación do profesorado de secundaria, xa que ambos Consellos Sociais e os seus reitores apoiaron a petición de aumentar o número de prazas nestes mestrados.

A consellaría alega imposibilidade de recoller máis profesorado para a realización das prácticas destes mestrados, algo que non deixa de ser unha mala desculpa, dado o número de profesorado que imparte docencia en Galiza.

A situación de falta de prazas, xa de por si grave, faise insostíbel para o sistema educativo galego se observamos o estudo feito pola CIG-Ensino con datos da propia consellaría do que se tira que máis dunha cuarta parte do profesorado galego con praza fixa se xubilará nos próximos anos.

Esta limitación fai que o alumnado das universidades galegas acabe tendo que recorrer a universidades privadas para a realización destes mestrados, co sangrado económico que iso trae consigo.

Fronte común

No Consello Social da Universidade de Vigo o reitor comprometeuse a dirixirse á consellería para pedir o aumento de prazas do mestrado, e o presidente do Consello Social comprometeuse a contactar coas presidentas e presidentes dos outros Consellos Sociais para facer unha fronte común ante a consellaría e pedir o aumento das prazas do mestrado nas tres universidades.

A CIG-Ensino exixe da consellaría que non limite o aumento de prazas destes mestrados nas universidades galegas dando resposta á demanda do estudantado galego.