A Consellaría non dota do profesorado necesario as escolas oficiais de idiomas

A CIG-Ensino denuncia tamén a "total arbitrariedade" dos nomeamentos
Nacional - 31 Mai 2018

Como cada ano por estas datas a Consellaría ten que dotar as escolas oficiais de idiomas de profesorado para realizar as probas de niveis. Exames libres que serven para acadar os títulos oficiais de idiomas nas escolas sen ter que acudir ás aulas. Tal e como ocorreu nos últimos anos, nesta ocasión os nomeamentos que fai a administración son totalmente insuficientes e arbitrarios.

CIG-Ensino denuncia que ano tras ano a Consellaría escamotea os nomeamentos necesarios para que a elaboración e a correccións dos exames non supoña un problema para o funcionamento normal das escolas. Engaden que estes nomeamentos, a máis de insuficientes, son totalmente arbitrarios, dándose diferenzas de rateo alumnado/profesorado que chegan a ser case o dobre segundo que escolas, como exemplo en galego. "Nunha escola o rateo é 51 alumnos ou alumnas por profesor ou profesora mentres que noutra escola, e sempre comparando a mesma lingua, temos unha rateo de 26,5".

A dificultade coa que se atopan as escolas para a elaboración dos exames é tal, sinalan dende a CIG-Ensino, que nalgún centro "non saben como farán para realizar as probas de nivel avanzado de lingua galega, posto que coa matrícula que teñen non ven posibilidades nin de xuntar o profesorado necesario para realizar, e xa non falemos de corrixir, as probas".

Desde a CIG-Ensino esixen que se dote as escolas do profesorado necesario para realizar e corrixir as citadas probas, non só en número "senón en tempo, e que se tomen as medidas pertinentes para que esta situación non se volva repetir en vindeiras convocatorias".