A Consellaría pretendería amortizar 664 prazas do corpo de mestres/as

Segundo os datos dun documento remitido pola Inspección da Coruña

Nacional -

Despois do estudo inicial do documento de vacantes para o concurso de traslados remitido pola inspección da Coruña, que non só contén datos desta provincia senón de todo o país, podemos observar, que segundo os propios cálculos da Consellaría, se prevén amortizar 664 prazas, das cales 380 son de mestras e mestres do primeiro ciclo da ESO.

De confirmárense os datos do documento estariamos diante dunha modificación “pola porta de atrás” e previa publicación no DOG dos cadros de persoal dos centros de infantil e primaria, xa que son numerosos os casos nos que a Consellaría recoñece menos postos de traballo dos que oficialmente figuran no catálogo oficial publicado no DOG.

A CIG-Ensino amosa a súa total desconformidade con estes datos de amortizacións de prazas que van mesmo máis alá da redución de 340 postos de traballo que desde o sindicato xa denunciamos na análise dos orzamentos da Consellaría para o ano 2019.

Este ano as vacantes do corpo de mestres revisaranse nas Xuntas de Persoal, a diferenza das de secundaria que serán negociadas nos Servizos Centrais da Consellaría. A CIG-Ensino demandará que todas as prazas actualmente cubertas por profesorado definitivo sexan consideradas resultas a cubrir e pedirá explicacións sobre os horarios das prazas que se pretenden amortizar, co obxectivo de evitar as supresións previstas pola Consellaría.

Volver