• Nova

A Consellaría publica o borrador da orde que regula as materias optativas no Bacharelato sen atender os cambios necesarios

Manténse o mínimo de alumnado para poder impartir estas materias, prexudicando así os centros do rural
Nacional - 07 Xul 2022

A Consellaría de Educación segue o guión previsto de quen vive instalado nunha concepción unívoca e incontestábel do exercicio do poder e, sen mediar ningún tipo de contraste, vén de publicar no portal educativo o denominado “Anteproxecto de orde pola que se establece o currículo das materias optativas do bacharelato e se regula a súa oferta”.

Finalmente a Consellaría desatendeu as demandas de ampliación de materias optativas que desde a CIG-Ensino se lle trasladaron, tanto na Mesa Sectorial como no Consello Escolar de Galiza, e limitouse a incorporar no texto a relación de materias que avanzaran antes de someter o currículo a debate, sen aceptar:

  • que se manteñan as actuais, cos necesarios cambios curriculares pola diferente carga lectiva (Coeducación para o século XXI, Literaturas Hispánicas ou Robótica en 1º e Ciencias da Terra e o Medio Ambiente, Fundamentos da Administración e Xestión, Imaxe e Son ou Electrotecnia en 2º).
  • que se permita a oferta de novas optativas vinculadas ás ensinanzas artísticas.

 Desatención ás necesidades dos centros rurais

O texto reproduce as condicións actuais para que os centros de secundaria poidan ofertar as materias: 10 alumnos e alumnas con carácter xeral e 5 con carácter extraordinario en zonas rurais, con previa autorización da administración. Estas condicións desatenden a demanda da CIG-Ensino e do profesorado de centros de zonas rurais ou socialmente desfavorecidas, para permitir que a oferta nestes centros puidese producirse con menos alumnado, cando menos de existir profesorado con dispoñibilidade no centro.

Mantendo a redacción proposta, no que se refire ao mínimo de alumnado para poder impartir materias optativas, e contra o sentir xeneralizado nos concellos rurais, daranse as mesmas situacións que se produciron nestes últimos curso: haberá alumnado que non poderá cursar unha materia aínda que no seu centro haxa docentes con horas lectivas para facelo e haberá tamén casos nos que con 4 alumnos ou alumnas nun centro rural non se poderá impartir unha materia que pode ser determinante para o futuro académico ou profesional do alumnado.

Tampouco se permitirá unha optativa con 8 ou 9 alumnas e alumnos nun barrio socialmente desfavorecido. Todo por unha idea reaccionaria e contraria á equidade e igualdade de oportunidades que practica o PP en materia educativa.