Educación volve deixar nas mans do profesorado decisións que corresponden ao Goberno galego

Pretende que sexan os centros educativos quen decidan sobre o uso das máscaras nos patios de recreo
Nacional - 14 Feb 2022

A CIG-Ensino denuncia que a consellaría de Educación "pretende lavar as mans" en canto á decisión de se o alumnado ten que usar ou non máscaras nos patios durante os recreos, cando esta é unha decisión que lle compete tomar ao Goberno galego. 

No correo recibido este luns polos centros educativos, mais que non vai asinado por ningunha persoa con responsabilidade na consellaría de Educación,  a administración lembra o que estabelece o Ministerio de Sanidade en canto ao uso obrigatorio só en actos multitudinarios e  indícase ademais que, segundo a OMS, os recreos non se consideran actos multitudinarios.

Remata o escrito recordando os grupos burbulla e as limitacións de contactos entre os distintos grupos, "pero sen aclarar ou indicar que temos que facer co noso alumnado nos patios de recreo".

A CIG-Ensino considera que a consellaría de Educación ten que dar unhas instrucións claras sobre a forma de actuar, sen delegar as decisións sanitarias dunha pandemia nos centros educativos e nas súas direccións.

"Non pode ser que o Goberno galego pretenda, mediante un correo anónimo no que non se dan instrucións claras, dar por pechado un asunto que preocupa a toda a comunidade educativa", salientan.

Neste senso, a CIG-Ensino insiste en que a consellaría debe ser clara á hora de indicar se o  alumnado está obrigado ou non a usar máscaras durante os recreos. "Nin o profesorado e o resto do persoal do centro, nin as familias nin o alumnado poden seguir sendo reféns do xogo partidario e os intereses persoais do presidente da Xunta: quen goberna ten que exercer as súas responsabilidades", conclúen.