Unha construtora de Poio abandona varios operarios galegos en Alemaña

A FCM-CIG sospeita que a empresa foi creada para lucrarse de xeito fraudulento coa instalación de fibra

Pontevedra -

A federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG denuncia que varios operarios galegos recentemente incorporados á construtora Camsoar SL, con sede na localidade pontevedresa de Poio, foron abandonados pola súa empresa en Alemaña, a onde foran mobilizados desde Galiza a pasada semana co pretexto de ocuparse da construción da infraestrutura para a instalación de rede de fibra óptica en áreas rurais do sur xermano.

Segundo explican dende a FCM, nada máis comezar a viaxe os traballadores déronse conta de que algo ía mal, pois nin sequera lles chegaron a asinar o contrato, nin lles abonaron o anticipo prometido de 400 euros por persoa para faceren fronte ao custo do desprazamento.

Tras dous días de espera, finalmente iniciaron a viaxe o mércores 25 de novembro ás dúas e media da mañá, con só 350 euros para afrontar os gastos do desprazamento dos operarios nunha furgoneta e nun turismo particular dun dos traballadores, “que só lles renderon apenas para chegar até Francia”.

Tras un segundo ingreso de 300 euros, lograron arribar a Alemaña, “onde descubriron que a vivenda prometida estaba en condicións impracticábeis, así como que os traballos consistirían en cavar con ferramentas precarias un mínimo de 100 metros de zanxa ao día”.

Nestas circunstancias, moitos dos traballadores decidiron abandonar o posto antes de sequera iniciar os traballos, cando descubriron que a empresa se negaba a ocuparse do seu regreso a Galiza. Desde ese momento seguen esperando nunha zona illada do rural alemán novas da súa empresa ou ben das administracións, “apoio que por agora foi nulo”. De feito nin sequera desde o consulado español se fixo nada por resolver a súa situación; “ao contrario, tentaron disuadilos de denunciar publicamente a súa problemática”.

Sospeitas de fraude

A FCM-CIG sinala que Camsoar foi creada hai só dous meses, “o que fai sospeitar que foi creada especificamente para tentar executar unha fraude nesta obra”. De feito, aínda que os empresarios/as que aparecen á fronte da sociedade son Rebeca Pousada Abilleira e Camilo Leonardo Aguilar Romo (tamén administrador de ECJ Construcciones 2018 SL e do madrileño Centro Geriátrico Los Rosales SL), “poderían ser simples testaferros, pois ao parecer quen sempre imparte as ordes de traballo e toma as decisións é unha terceira persoa, Jesús Fariña Calvo”.

Diante desta situación dende a central sindical esixen a repatriación inmediata dos empregados de Camsoar “desprazados en condicións miserábeis a Alemaña”, así como o abono de todos os gastos ocasionados ao persoal e a cotización dos salarios correspondentes aos días que permaneceron á súa disposición.

Volver