A construtora REYCONS pecha sen avisar, deixando atrapados os traballadores con 4 nóminas sen cobrar e sen poder acceder ao paro

O proceder do empresario négase a dalos de baixa na Seguridade Social

A Coruña -

A construtora coruñesa REYCONS, unha das máis antigas da comarca e situada no Polígono de San José, en Nostián, cesou en decembro a súa actividade deixando os seus operarios na máis absoluta indefensión e con débedas salariais que suman até catro nóminas.

O cadro de persoal atopou as instalacións da empresa pechadas ao retornar das festas de nadal, mentres que o empresario, José Manuel Pailos, "nin da a cara nin atende as chamadas duns traballadores absolutamente desesperados", explica o secretario comarcal da CIG-Construción, Mario Maceiras. Ademais da total incerteza na que fican, os afectados nin sequera poden solicitar a prestación por desemprego ou buscar traballo noutras empresas do ramo, "pois REYCONS négase a dalos de baixa na Seguridade Social".

A actitude da empresa está a causar situacións persoais absolutamente desesperadas entre un cadro de persoal que acumula meses de débedas salariais e que se ve obrigado a seguir presentándose á porta do seu centro de traballo de maneira indefinida, "co risco que isto podería supor mesmo para a súa saúde polas baixas temperaturas desta época", engade Maceiras.

A CIG, que asesora os operarios afectados, entende que con esta medida "inhumana" o empresario trata de abocar os traballadores -que levan anos prestando servizo para esta firma- a marcharse voluntariamente, o que lles suporía non só renunciar as súas indemnizacións, senón perder o dereito á percepción da prestación por desemprego.

Diante desta situación, a central sindical advirte que levará adiante todas cantas accións sexan necesarias para que a empresa cumpra coas súas obrigas legais e se garantan os dereitos dos traballadores afectados.

Volver