Novembro rexistrou un elevadísimo número de contratos malia subir o paro e baixar a afiliación á Seguridade Social

Amosa o aumento da precariedade laboral, cunha forte rotación e con escasa duración da contratación

Nacional -

O mes de novembro volveu rexistrar un elevadísimo número de contratos, cun total de 76.222, a pesar de que o desemprego aumentou en 1352 persoas (0,82% máis que no período anterior) e a Seguridade Social perdeu 3860 afiliadas. Estes datos evidencian o imparábel aumento da precariedade laboral, cunha forte rotación e con escasa duración da contratación.

Ademais, a temporalidade continúa a ser a tónica dominante, xa que só o 8,7% dos novos contratos se fixo baixo algunha das modalidades de contratación indefinida). Esta precariedade na contratación está a ter un efecto moi negativo sobre as condicións de vida de moitas persoas, xa que fai que sexa difícil acumular o tempo necesario para acceder a unha prestación por desemprego. De feito, no último mes, unicamente un 53,5% das persoas en paro percibiron algunha prestación. 

Só o 8,7% dos contratos rexistrados neste período foi baixo algunha das modalidades de contratación indefinida

Ao mesmo tempo, os datos amosan que o comportamento do mercado laboral galego segue a ser peor que o do conxunto do Estado, xa que noso país aumentou un 0,82%, mentres que no a media estatal foi do 0,65%. Deste xeito, o número de persoas desempregadas sitúase en Galiza en 165.659. Aínda que se trata dun mes no que tradicionalmente se produce un incremento do desemprego, nesta ocasión ano o medre foi superior ao ano anterior, no que aumentara un 0,37%.

A nivel sectorial, unicamente o sector industrial rexistrou unha baixada das persoas desempregadas (-0,96%); tanto na construción (2,71%) como no sector servizos (0,84%) os incrementos foron considerábeis. Na media do estatal a tendencia foi semellante, pero o sector onde máis medrou o desemprego foi no de servizos (1,07), seguido da construción cun 0,58% máis.

A isto hai que sumar o comportamento da afiliación á Seguridade Social, que agrava o panorama descrito anteriormente, xa que o descenso é moi superior ao medre do desemprego, até o punto de que practicamente o triplica; as explicacións a este “desaxuste” poden ser varias, pero ningunha tranquilizadora: desafección aos servizos públicos de emprego, emigración ou aumento importante das xubilacións. Para a CIG, calquera delas amosan unha situación preocupante do mercado de traballo.

Deterioro do mercado laboral e desprotección

Nesta liña, o secretario confederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle, fixo fincapé na subida experimentada polo número de contratos a pesar do incremento do paro e da baixada da afiliación á Seguridade Social, síntoma do deterioro do mercado laboral galego, ao tempo que alertou sobre o cada vez maior número de persoas desempregadas que non perciben ningunha prestación, o que amosa a falta de protección do sistema.

Fronte a isto, avogou por derrogar as reformas laborais que afondaron na precarización do emprego e na baixada dos salarios e apostou pola implementación de políticas orientadas a reactivar o sector industrial e o tecido produtivo galego, “xa que son os que poden xerar empregos de calidade, estábeis, con dereitos e con salarios dignos”. Segundo denuncia Cartelle, a situación tan preocupante que amosan os datos do paro é consecuencia directa das reformas laborais “que o PSOE non ten interese ningún en derrogar”.

Volver