A contundente mobilización do pobo galego obriga a Xunta a descartar o proxecto de Altri

A CIG celebra esta vitoria social e demanda a denegación de todos os trámites administrativos relacionados coa macrocelulosa
Nacional - 20 Feb 2026

A CIG amosa a súa satisfacción polo arquivo da autorización ambiental integrada á macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, xa que supón o pechar o camiño a este proxecto industrial. Unha decisión que, sen dúbida, a Xunta de Galiza adopta forzada polo contundente e unánime rexeitamento social que xerou este proxecto e que derivou nas mobilizacións máis multitudinarias que se realizaron no noso país nos últimos anos.

A CIG reclama que este arquivo vaia acompañado da denegación de todos os trámites administrativos relacionados coa pasteira de Altri na Ulloa para así enterrar de maneira definitiva ese macroproxecto industrial e evitar que no futuro se pretenda reactivar un plan similar. Con todo, e malia as escusas técnicas tras ás que o Goberno de Rueda se quere agochar, estamos ante unha vitoria do conxunto do pobo galego que constitúe un rotundo fracaso na política industrial depredadora que o PP quere impor a Galiza.

Unha industria depredadora

Dende que se fixeron públicos os detalles do proxecto Gamma, a CIG posicionouse con firmeza na súa contra por tratarse dunha industria de enclave e depredación que pon en perigo sectores económicos e produtivos que xeran riqueza para o país e por constituír o maior perigo ambiental para Galiza que, ademais, suporía a morte da Ría de Arousa.

Fronte este modelo industrial promovido polo Goberno do PP na Xunta, que busca deixar os nosos recursos estratéxicos en mans de fondos de investimento e do capital, a CIG defende un aproveitamento radicalmente distinto para que os recursos revertan no propio país, que non poña en risco aqueles sectores que proporcionan alimentos básicos a poboación, que fomente un desenvolvemento industrial con base en criterios de estabilidade, sustentabilidade, de peche dos ciclos produtivos e que derive en beneficio do país todo o seu valor engadido.

O arquivo da autorización ambiental non paraliza os recursos contencioso-administrativos presentados contra a Xunta, un deles formalizado pola CIG tras a disolución de Impulsa Galicia -sociedade pública promotora do proxecto- nun intento de eliminar probas do atentado e das ilegalidades que o Goberno galego cometeu con todo o que rodea esta industria.

Mobilización social para mudar as políticas

Hai que lembrar que ante a firme e contundente resposta do pobo galego, a Xunta de Galiza recorreu a todo tipo de estrataxemas para, contra a vontade popular, sacar adiante o proxecto de Altri modificando a normativa de protección ambiental, ignorando os prazos legais máximos de resolución de solicitudes administrativas, presionando o persoal funcionario encargado de realizar os informes e trámites e mesmo pretendendo avanzar na privatización das funcións propias da administración.

Neste contexto, cómpre entender tamén as decisións adoptadas polo Goberno español que afectan a este proxecto -tales como a non inclusión na Planificación Eléctrica 2025-2030 da liña eléctrica e a subestación necesarias para a súa posta en marcha-, como o resultado da mobilización social sostida no tempo e a rotunda oposición amosada polo pobo galego a esta industria depredadora.

Estamos pois, ante un exemplo da enorme capacidade de mobilización que ten o pobo galego e da utilidade da organización da resposta social para determinar e incidir nas políticas e medidas que adoptan os gobernos.