A Covid-19 nun mundo multipolar

Adrián Sotelo Valencia - 30 Abr 2020

A catástrofe sanitaria que asola o mundo, coñecida como Covid-19, é un xenuíno produto do carácter furiosamente destrutivo do capitalismo e o imperialismo que non soamente a paga a humanidade, senón todos os traballadores do planeta

 Mentres o xigante asiático desprega a súa solidariedade cos pobos do mundo, do mesmo xeito que Cuba e Rusia, para contrarrestar os mortíferos efectos da Covid-19, Estados Unidos, por boca de Trump, mostra as súas fauces militaristas de agresión e opresión.

 Téndose convertido Estados Unidos no epicentro mundial da pandemia do Covid-19 con máis de 630.000 contaxios, 40.000 falecidos e máis de 22 millóns de desempregados só na primeira quincena de abril -o presidente norteamericano desde un principio minimizouna e asegurou sarcasticamente que era un "invento chinés"-. Máis adiante acusou á OMS de ser "Chinacentric", é dicir, "pro-chinesa", e terminou por suspender o seu financiamento (arredor de 553 millóns de dólares ou 14% do financiamento total desa organización) polo feito de, segundo o magnate, "non ter unha resposta correcta ante a pandemia do Coronavirus 19" (véxase Sputnik do 04 de abril de 2020).

 É evidente que esta acción está encamiñada a reavivar a súa agresión contra o xigante asiático que no campo sanitario da epidemia a controlou e contrarrestou exitosamente, ao mesmo tempo que a temperar a caída de Trump nas sondaxes electorais dos comicios de novembro próximo. Mesmo chegou ao descaro de acusar a China de ser a responsábel do comezo da pandemia (Sputnik, 18 de abril de 2020).

 A catástrofe sanitaria que asola o mundo, coñecida como Covid-19, é un xenuíno produto do carácter furiosamente destrutivo do capitalismo e o imperialismo que non soamente a paga a humanidade, senón todos os traballadores do planeta. A primeiros da década dos noventa, o sistema capitalista presenciou e celebrou a caída da Unión Soviética e do bloque socialista que florecera coa Revolución Rusa de 1917. A partir de aí, ideólogos circunscritos fanaticamente ás doutrinas de dereita e conservadoras que sosteñen a falsa tese da "eternidade" do modo de produción capitalista, sostiveron que, despois dese acontecemento histórico, o único que ía prevalecer nas relacións internacionais era o "unilateralismo" do imperialismo norteamericano e dos imperialismos menores a el subordinados como os europeos, principalmente Alemania, Francia, Gran Bretaña, Italia e o Estado español, entre outros (para este concepto véxase: Reisman, M. (2000) "Unilateral Action and the Transformation of the World Constitutive Process: The Special problem of Humanitarian Intervention", en European Journal of International Law, vol.11.

 Lanzáronse slogans proclives a esas doutrinas como a "fin da historia", a globalización, o xurdimento dunha "nova economía" e o "capitalismo cognitivo", en Estados Unidos; e a racista e xenófoba tese do "choque de civilizacións" que borraba de vez a loita de clases, a existencia do imperialismo, da dependencia, do subdesenvolvemento e o colonialismo, así como as contradicións propias do sistema capitalista global. Semellou entón erixirse un unilateralismo hexemónico alicerzado e expresado nos poderes supranacionais controlados polos Estados Unidos como a mesma ONU, o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial, o GATT e máis tarde a OMC; a OEA, a OTAN, así como a instalación e expansión de 800 bases militares dese país por todo o planeta, nomeadamente en América Latina e o Caribe que os considera como o seu "patio traseiro" onde exerce funcións de dominación e extracción-apropiación-espolio de materias primas e de recursos naturais. Infelizmente a falsa idea do unilateralismo e doutros adxectivos quiméricos e mefistofélicos que o acompañan (como o "american way of life", o "american dream" e o actual "America first") embazaron e compenetraron as ideas, as academias e as súas investigacións así como moitos dos contidos temáticos, dos métodos e das ciencias sociais e humanas. Aceptouse, deste xeito, acriticamente e sen mediacións, as ideas da globalización (sen definir que se entende por esta); a fin da historia e a chegada da sociedade postindustrial e protocapitalista como único -ser-ter-posuír- existente no mundo, así como a ausencia de alternativas superiores a ese tipo de sociedade que non fixeron outra cousa máis que cultivar e selar a apatía, o derrotismo, o conformismo e a resignación en grandes masas da humanidade e do proletariado que imposibilitaba revolucionar e superar a orde capitalista que se impuxo a ferro a "única orde superior humana".

 Lenin definía a dialéctica como a ciencia das contradicións na esencia mesma da materia, e Marx, pola súa banda, sostiña que as contradicións non se poden de ningún xeito frear ou desaparecer por encanto divino ou pola simple vontade humana, senón que deben atopar e/ou construír, mediante a loita de clases e as constantes crises do capitalismo, as súas canles para o seu pleno desenvolvemento e resolución que pode ser positiva ou negativa; é dicir, posibilitar superar unha situación ou feito histórico ou, ben, exacerbalos até límites dexenerativos como a actual pandemia mundial da Covid-19 que ten como epicentro os Estados Unidos, é dicir, o país que foi considerado e ponderado como o máis desenvolvido do capitalismo avanzado desde o periodo da segunda posguerra do século XX.

 A partir da década dos noventa e a do 2000, novos poderes xeopolíticos e estratéxicos fóronse constituíndo competitivamente ao do imperialismo estadounidense en China, Rusia, e noutros como Irán, A India e Corea do Norte superando, na práctica e na teoría, o principio ideolóxico e político do unilateralismo: xurdía con forza, deste xeito, o concepto xeopolítico do mundo multipolar e o multilateralismo no ámbito das relacións e o comercio internacionais que paulatinamente comezaron a desafiar ao imperialismo (unilateralista) que fora proclamado desde a época de Reagan coa súa guerra das galaxias e a imposición do neoliberalismo practicamente en todo o mundo; con moita forza na Gran Bretaña da Dama de Ferro, Margaret Thatcher. As demais administracións norteamericanas e europeas non fixeron outra cousa que recrear esa doutrina imperialista e supremacista retomada con forza e esquizoidemente por Trump baixo o lema do "America first" e baixo un presunto e agresivo proteccionismo fronte ás demais potencias en disputa.

 Por iso, Trump, e con el a meirande parte da súa séquito gobernante e das fraccións das súas clases burguesas e militaristas, néganse a recoñecer que o mundo actual é multipolar e diverso xa moi distante do que se coñeceu na época da posguerra e da guerra fría; que por máis que o representante da Casa Branca e os seus falcóns coas súas políticas proteccionistas e agresivas intenten destruír ou dominar a nacións soberanas como Irán, Venezuela ou Corea do Norte mediante o que os seus thinks tanks autodenominan «sancións» e mesmo con ameazas de intervención militar, a realidade revélalles con crueza que Estados Unidos, como centro do imperialismo mundial, vén experimentando unha grave crise de lexitimidade e de hexemonía-supremacista que se pronunciou e afondou até se converter no epicentro da pandemia mundial do coronavirus e que, con todo o seu poderío bélico, tecnolóxico e financeiro, é incapaz de controlar e xa non se diga superar, como xustamente fixeron China, Rusia e Venezuela, que acusa o nivel máis baixo de letalidade nivel mundial a pesar do bloqueo -aéreo, marítimo, comercial e financeiro- das chamadas sancións e das constantes ameazas que perpetrou o imperialismo norteamericano contra a nación sudamericana, contando mesmo co apoio incondicional dos gobernos de ultradereita de Brasil e Colombia e do chamado «Grupo de Lima» creado e comandado por Washington.

 O mundo post pandemia, no medio prazo, é dicir, nun ou dous quinquenios, poderá non chegar a ser socialista -sistema que, doutra banda, só o constituirá o proletariado revolucionario e as demais clases oprimidas da caduca sociedade capitalista-burguesa- pero tampouco será máis unilateral, senón multipolar no que terán que disputar a súa hexemonía e/ou supremacía as grandes potencias do orbe nun contexto macrohistórico de decadencia do imperialismo norteamericano e de crise permanente do modo de produción capitalista universal.

 

[Artigo tirado de Rebelión, do 23 de abril de 2020]