A crecente presenza militar da OTAN en América Latina e o Caribe

Sergio Rodríguez Gelfenstein - 14 Mar 2023

A adopción por parte de Estados Unidos do seu novo concepto militar de “disuasión integrada”, no que manifesta supostos “valores compartidos” con América Latina que en realidade non existen, procura incorporar os países da rexión á súa guerra global contra China e Rusia. Esta “disuasión integrada” é unha sorte de agrupamento dos recursos dos países de América para combater un inimigo supostamente común

 Nos tempos que corren, resulta habitual falar da expansión da OTAN “cara ao leste de Europa”, o que, sendo verdade, non deixa de ser un concepto reducionista.

 O certo é que desde a fin do mundo bipolar, Estados Unidos, sentíndose dono do mundo, empregou a OTAN para se expandir por todo o planeta. Probas diso son o asinamento do Tratado AUKUS (Australia, Reino Unidos e Estados Unidos), a creación do Diálogo de Seguridade Cuadrilateral (QUAD) formado por Australia, A India, Xapón e Estados Unidos e a Alianza de intelixencia do Cinco Ollos (Estados Unidos, Reino Unidos, Canadá, Nova Zelandia e Australia) como instrumentos de expansión militar da OTAN en Asia e Oceanía.

 Outro tanto ocorre en América Latina e o Caribe, en que Estados Unidos está a iniciar un agresivo plan de expansión ao longo de todas as latitudes e lonxitudes da rexión. Así, queremos achegar algúns datos que permiten confirmar a anterior aseveración.

 A finais do ano pasado Estados Unidos tiña instaladas 12 bases militares en Panamá, 12 en Porto Rico, 9 en Colombia, 8 en Perú, 3 en Honduras, 2 en Paraguai, así mesmo hai instalacións deste tipo en Aruba, Costa Rica, O Salvador, Cuba (Guantánamo), e Perú entre outros países, ao mesmo tempo en que orienta a súa procura para a cobertura total da superficie terrestre e marítima da rexión.

 Nas augas territoriais arxentinas e nas illas Malvinas, que foron usurpadas polo Reino Unido, hai presenza da OTAN integrada nun sistema formado por bases nas illas de Ascensión, Santa Elena e Tristán da Acuña que “resgarda” todo o Atlántico desde o norte até a zona antártica.

 Segundo un informe do Departamento de Defensa de Estados Unidos citado polo portal venezolano Misión Verdad desde maio do ano 2022 Reino Unido está a conformar un “triángulo estratéxico de control” do extremo sur de América do Sur, mentres que no sur de Malvinas operan submarinos nucleares, ademais de que “Francia e Estados Unidos organizan regularmente manobras militares conxuntas na rexión”.

 Durante os últimos anos, e sobre todo despois da chegada da xenerala Laura Richardson á xefatura do Comando Sur das forzas armadas de Estados Unidos en outubro de 2021 os niveis de agresividade da inxerencia de Washington na rexión incrementáronse ostensibelmente. Isto coincidiu coa chegada ao poder de Joe Biden quen desenvolveu unha activa política de substitución do tradicional (e natural) protagonismo do Departamento de Estado na actividade diplomática que comezou a ser ocupada polo Pentágono, o Consello de Seguridade Nacional e até pola CIA. Cada vez é maior o número de funcionarios provenientes destas instancias que ocupan postos de embaixador en América Latina e o Caribe.

 A estratexia dos Estados Unidos está encamiñada a fortalecer a súa presenza na rexión. Nesa perspectiva, cobraron particular importancia o Atlántico Sur dada a súa proximidade á Antártida que está regulada por un tratado que acaba en 1941, o Amazonas principal reserva de osíxeno e biodiversidade do planeta e a tripla fronteira onde se atopa o acuífero guaraní, maior reserva de auga do mundo.

 Isto é o que dá sentido aos intentos de Estados Unidos de reinstalar a guerra fría na rexión, esta vez en contra de China e Rusia. Esta lóxica explica a decisión de instar a seis países latinoamericanos a doaren o seu equipamento militar ruso a Ucraína, excluíndo -por suposto- desta solicitude a Cuba, Nicaragua e Venezuela. Richardson advertiu que, despois de China, Rusia é o adversario número dous de Estados Unidos na rexión, salientando o gran valor estratéxico desta para o seu país.

 A xenerala estadounidense cualificou a China de “actor estatal maligno” despois de que 21 dos 31 países da rexión se adherisen á iniciativa chinesa da Franxa e a Ruta, ao mesmo tempo que se incrementou o investimento de Beijing en infraestruturas críticas como portos de augas profundas, a investigación espacial ou as telecomunicacións, coas redes 5G e a empresa Huawei.

 Richardson salientou o papel “protector“ que vai exercer Estados Unidos sobre a rexión porque ser bos veciños pasa por “coidar o un do outro”, o cal “obriga” a Washington a se facer cargo de loitar contra as redes de delincuencia organizada que se dedican á trata de persoas, o contrabando de droga, a talla non regulamentada e a minaría ilegal e especialmente “porque é unha rexión rica en recursos e terras raras, co chamado Triángulo do Litio que posúe o 60% das reservas mundiais (en Arxentina, Bolivia e Chile) un metal moi necesario para a tecnoloxía”.

 Da mesma maneira, Richardson dixo que aos Estados Unidos lle interesa o petróleo (dadas as grandes reservas atopadas en Güiana e as maiores do mundo existentes en Venezuela) así como o cobre e o ouro da rexión, Igualmente é preocupación de Estados Unidos que o osíxeno e o 31% de auga doce da Terra estean no Amazonas. Por todo isto –segundo ela- débese manter afastada a China que se converteu en principal socio comercial de varios países da rexión.

 Esta lóxica insírese na Estratexia de “disuasión integrada” de Estados Unidos, unha modalidade renovada da Doutrina de Seguridade Nacional que se propón agrupar baixo a dirección do Pentágono “todas as capacidades tanto civís como militares de gobernos, empresas, sociedade civil e academia de Estados Unidos e de todos os seus aliados”.

 Na XV Conferencia de ministros de defensa das Américas realizada en Brasil en xullo de 2022, o secretario de Defensa, Lloyd Austin presentou esta estratexia aos seus homólogos da rexión. Dous meses despois, en setembro, Richardson insistiu con ela ante 14 xefes militares na Conferencia de Defensa de América do Sur.

 O interese de Estados Unidos ten unha perspectiva rexional que se sustenta na necesidade do seu control desde que hai 200 anos cando foi enunciada a Doutrina Monroe. Mais na perspectiva global, as forzas armadas latinoamericanas constitúen un potencial combativo que non pode ser desestimado. En 2018, Brasil contaba con 334.000 militares activos, Colombia con 200.000 e Arxentina con 51.000. A OTAN conta con 3,5 millóns de activos entre persoal militar e civil. Segundo o centro de estudos CELAG, soamente Brasil e Colombia achegarían máis activos á OTAN que os membros europeos que se adheriron na década de 1990. Neste sentido cómpre facer a comparación, considerando que por exemplo Arxentina ten activos similares aos de Bulgaria (24.800) e República Checa (25.000) xuntos.

 Para entender mellor toda esta situación e coñecer a intensa actividade imperial para controlar o espazo latinoamericano e caribeño, cómpre facer unha revisión da forma en que se foi materializando a intervención de Estados Unidos e a OTAN nalgúns países da rexión:

Paraguai

 O Plan Mestre para a Navegabilidade do río Paraguai é unha iniciativa do goberno dese país para “maximizar a utilización desa vía navegábel”, mais foi o embaixador dos Estados Unidos Marc Ostfield quen fixo o anuncio. A obra está a ser apoiada por capitais de Estados Unidos e será levada adiante grazas aos servizos do Corpo de Enxeñeiros do Exército norteamericano, o cal xerou gran preocupación en Arxentina que considera que tal decisión vai significar un control do territorio por parte de forzas estranxeiras. De máis está dicir a relevancia da zona que forma parte da Conca da Prata, a quinta reserva de auga doce máis importante do mundo en extensión.

 Así mesmo, Washington non cesa nas súas intencións de instalar unha base militar na Tripla Fronteira (Arxentina-Paraguai-Brasil), coa escusa do combate ao terrorismo internacional e ao narcotráfico. Nese marco, os intentos de militarizar a rexión e cambiar as “regras de xogo” para que os Estados Unidos poidan estabelecer territorios baixo o seu control permanente son considerados en Arxentina como sumamente perigosos. Así mesmo, algúns líderes políticos locais expresaron preocupación de que a súa rexión se vexa sumida nunha lóxica de confrontación entre os Estados Unidos e China.

 Aínda que o goberno paraguaio dixo que o proxecto comprende «unha cooperación con especialistas de Estados Unidos» que incluirá o estudo dos ríos, pero que non contempla unha cooperación de carácter militar, a total subordinación de Asunción a Estados Unidos fai dubidar desa aseveración. En termos xeopolíticos tamén se considera o feito de que Paraguai é o único país de América do Sur que non ten relacións con China.

Arxentina

 Desde a perspectiva arxentina a decisión de Asunción de atraer as forzas armadas dos Estados Unidos para avanzar na navegabilidade do río Paraguai relaciónase hoxe co crecente comercio de alimentos, o cal, no marco da guerra en Ucraína, se volveu estratéxico.

 A fin da hidrovía é permitir a navegación de naves de gran calado con grandes volumes de carga os 365 días do ano, rectificando o traxecto e eliminando illas e outros atrancos. A presenza de especialistas do Exército dos Estados Unidos dálle ao proxecto un carácter moi distinto ao que orixinalmente se presentou como unha obra civil.

 Por outra banda, os Estados Unidos amosaron preocupación porque o Estado arxentino ten previsto realizar unha nova licitación para o dragado do río Paraná, (que recibe augas do Paraguai) e algunhas das empresas que tentarán gañala son de orixe chinesa.

 Para os Estados Unidos a Tripla Fronteira entre Arxentina, Brasil e Paraguai é de primordial importancia. O Comando Sur manifestou identificar fontes de financiamento de “organizacións terroristas” baseadas en Asia Occidental, mencionando o Hezbolá libanés e o Hamás palestino. Para contrarrestar esta suposta ameaza creouse un mecanismo multilateral denominado 3+1 cos tres países suramericanos e Estados Unidos.

 Washington tamén manifestou sumo interese na Patagonia arxentina. Nese marco o pasado 8 de agosto o embaixador de Estados Unidos no país asistiu na cidade de Neuquén (situada a uns 1140 km ao suroeste de Bos Aires) a unha reunión con representantes das corporacións petroleiras máis poderosas do mundo.

 Catro anos antes, en 2018 anunciouse a construción de instalacións diversas, nun predio fiscal baixo dirección e financiamento do Comando Sur de Estados Unidos. Aínda que a súa embaixada en Arxentina se apresurou a informar de que as obras eran parte dun proxecto de “axuda humanitaria” cuxo obxectivo era mellorar a capacidade de resposta de Neuquén fronte a desastres naturais, a sociedade civil neuquina rexeitou tal idea, tendo en conta que esta caracterizouse polo segredo, a falta de información e a ausencia de comunicación ao redor de saber que obtivo Arxentina a cambio da cesión de devandito territorio nunha zona que é considerada de alto valor estratéxico.

 O proxecto caracterizado de “base militar camuflada” segundo unha información do xornalista Ariel Noyola Rodríguez publicado no portal RT forma parte dunha estratexia de alcance continental que se caracterizou como unha nova forma de intervención militar na rexión: o programa de ‘Asistencia Humanitaria e Respostas a Desastres Naturais’, auspiciado polo Comando Sur de Estados Unidos,

 Por outra banda, non se pode obviar nesta análise que parte do territorio arxentino está ocupado á forza pola OTAN. Nas Malvinas están desprazados entre 1.500 e 2.000 efectivos militares británicos, algúns de forma permanente, así como avións cazabombardeiros de última xeración.

Colombia

 Como “socio global” da OTAN, Colombia goza de atención privilexiada por parte da alianza militarista. Como expresión diso, en tempos recentes, os Estados Unidos están a facer grandes esforzos para instalar unha base naval na Illa Gorgona no Pacífico colombiano e non se deteñen a pesar do gran rexeitamento de científicos e de organizacións civís da rexión que queren salvagardar un conxunto de dereitos que serían vulnerados. Estas organizacións consideran que a instancia estadounidense que financia as obras da base (Oficina Internacional de Asuntos Antinarcóticos e Procura de Xustiza de Estados Unidos) xera unha perda de soberanía tendo en conta que poñería a illa baixo o poder doutro Estado.

 De acordo co Departamento de Estado a administración Biden contempla ademais a compra de motores de barcos por unha cantidade de 2,6 millóns de dólares para mellorar a capacidade operativa da Garda costeira na illa.

 Piedad Córdoba, senadora polo gobernante Pacto Histórico, pronunciouse a principios de decembro en contra de toda inxerencia de Estados Unidos en Colombia a través da instalación de bases militares ou a través do despregamento das súas forzas armadas, e solicitoulle ao presidente Petro que cancele a obra. Córdoba manifestou que resultaría estraño que os Estados Unidos lle presten tanta atención a unha obra como esta, se non se comprende que para os Estados Unidos a rexión da Conca do Pacífico ten carácter estratéxico, o cal se “expresa a través do despregamento da Cuarta Flota e o Comando Sur coa instalación de bases militares, entre elas, a da Illa Gorgona”.

 Así mesmo, a senadora sinalou que a concreción das obras en Gorgona nos feitos significaría a instalación da novena base militar de Estados Unidos en Colombia e podería provocar danos similares aos ocorridos en Filipinas, Panamá e Porto Rico, onde Washington conseguiu instalar bases militares.

 Tamén en Colombia, a principios do mes de decembro o presidente convidou as forzas armadas dos Estados Unidos e a OTAN á Amazonia para cooperar na salvagarda do territorio e combater o narcotráfico. Aduciuse que a maquinaria, equipos e persoal que se introduzan para realizar os traballos, poderían ser reutilizados como “policía para protexer” o medio ambiente cambiando a lóxica tradicional de loita contra as drogas. Para iso, propuxo a utilización de helicópteros Black Hawk estadounidenses para apagar incendios argumentando que tal acción simbolizaría un “cambio completo do que sempre foi a axuda militar dos Estados Unidos”.

 Neste marco, xa no goberno de Gustavo Petro, a finais de agosto do ano pasado, as forzas armadas de Estados Unidos e Colombia realizaron exercicios conxuntos no marco da OTAN. Nese contexto, Petro recibiu á xenerala Richardson quen realizou unha visita de cinco días ao país. Richardson desfíxose en gabanzas cara ao “noso socio número un en materia de seguridade na rexión”, describindo Colombia como o “eixo de todo o hemisferio sur” que segundo ela era “libre e seguro grazas aos esforzos estabilizadores de Colombia”.

 Respecto diso, Petro afirmou -non se sabe se con inocencia ou ignorancia finxida- que lograra “algunhas cousas: o diálogo coa OTAN –da cal somos membros, non sei, un status rarísimo aí, pero aí estamos metidos, creo que é o único país latinoamericano niso– que é levar a esa alianza ao coidado da selva amazónica, prestando unha colaboración tecnolóxica nisto”.

A loita pola defensa da Amazonia como suxeito de intervención militar

 A idea de utilizar a loita polo medio ambiente como instrumento de intervención é bastante antigo. Xa en 1989, Al Gore sentenciou: “O Amazonas non é a súa propiedade. Perténcenos a todos”. Nesa tónica, en 2019, no medio dos incendios na Amazonia, o presidente francés Emmanuel Macron fixo un chamado aos países do G7 a intervir: “É unha crise internacional”, dixo, o cal tivo eco até no secretario xeral da ONU, Antonio Guterres, rememorando a súa época de líder dun país membro da OTAN. A rede social de preguntas e respostas Quora consultou retoricamente: “Por que a OTAN non invade Brasil para salvar o Amazonas?”

 Mais o presidente Petro non é tan inocente como para supor que os Estados Unidos e a OTAN teñen boas intencións no Amazonas. Criticou publicamente a política de guerra contra as drogas dos Estados Unidos sinalando as súas obrigas por ser o maior consumidor mundial. Petro afirmou: “Eu o que tento é levar o diálogo cos Estados Unidos a un eixo diferente que é o tema da crise climática e de aí a importancia da selva amazónica. Cos Estados Unidos logramos que se cree xa a primeira unidade militar con helicópteros Black Hawk”.

 A visita de Richardson a Colombia foi parte dunha xira que realizou por varios países da rexión co decidido fin de contrarrestar a influencia de China e de Rusia, e de promover o illamento de Nicaragua, Cuba e Venezuela.

 En novembro Petro informou que o presidente francés Emmanuel Macron lle ofreceu “axuda” para preservar a Amazonia. Hai que lembrar que Francia posúe un departamento de ultramar na Guaiana Francesa, fronteirizo con Brasil e a escasos 500 quilómetros da desembocadura do río Amazonas. Nese territorio sitúase a base de lanzamento de naves espaciais usada polo país e por Europa. Sen saber o contido do ofrecemento nin a contraprestación que debía conceder Colombia, o acordo entre os dous países sitúa a Francia nunha posición de influencia en ambos os extremos da estratéxica conca.

Ecuador

 O pasado decembro, os Estados Unidos aprobaron unha lei orientada a fortalecer a cooperación con Ecuador en materia de defensa. O devandito instrumento, denominado Lei de Asociación Ecuador-Estados Unidos 2022, forma parte da Lei de Autorización de Gastos de Defensa Nacional de Estados Unidos e é posterior ao tamén recentemente aprobado acordo en materia de ceos abertos, con miras a reducir tarifas, aumentar viaxes e comercios e estimular a creación de empregos relacionados coas pontes aéreas entrambos os países.

 Todo iso se quere facer entender como unha estratexia de fomento do comercio, mais os recursos comprometidos polos Estados Unidos (858.000 millóns de dólares) van estar baixo xurisdición do Departamento de Defensa, o cal deixa claramente estabelecida a súa orientación.

 Antes, en setembro do ano pasado, a xenerala Richardson tamén visitou Ecuador onde se reuniu co presidente Lasso e dirixiu durante dous días a Conferencia Suramericana de Defensa Southdec 2022, co fin de coordinar “mecanismos para a loita contra o crime organizado e o narcotráfico”.

Uruguai

 O pasado 3 de febreiro, o destacado analista político uruguaio Julián González Guyer publicou na revista Brecha de Montevideo un artigo no que informaba de que o buque US Coast Guard Cutter (USCGC) Stone, o máis moderno da Garda Costeira de Estados Unidos, entraría no porto de Montevideo durante 10 días. Segundo o articulista o navío estadounidense permanecería uns dez días en augas uruguaias baixo o argumento de “levar a cabo exercicios de adestramento en operacións de busca e rescate no mar e de control de augas xurisdicionais coa Armada Nacional”. Mais en realidade os obxectivos do USCGC Stone son outros, a saber “obter información sobre o Atlántico Sur e, en particular, a actividade dos pesqueiros chineses na zona”

 Este é a segunda viaxe do navío a Uruguai, despois da primeira, realizada dous anos antes para levar adiante actividades de “patrullaxe e apoio a actividades de interdición de pesca ilegal en augas de Güiana, Brasil e Uruguai” aínda que a visita programada a Arxentina foi cancelada.

 Nesta ocasión, do mesmo xeito que no anterior, a explicación pública acerca dos obxectivos da visita estivo chea de contradicións entre o que informou o goberno nacional e a embaixada dos Estados Unidos en Montevideo.

 González Guyer conclúe sinalando que, mentres a aprendizaxe que podería obter a Armada uruguaia é nimia, o barco estadounidense recollería “un significativo volume de información sobre as nosas costas, augas xurisdicionais e zonas adxacentes. Tamén, acerca de nosa Armada e a súa oficialidade”.

 Desde hai varias décadas atrás, a Armada uruguaia foi adestrada por Estados Unidos para actuar como forza dedicada a “protexer” a entrada do Río da Prata, dándolle espazo privilexiado á armada estadounidense neste aspecto. Nesta lóxica pódense inscribir as dúas visitas do Stone a Uruguai en tan curto espazo de tempo.

 Pero xunto a iso, o Stone desenvolveu misións de patrullaxe do Atlántico Sur, xunto a outros tres barcos, estabelecendo nos feitos un maior control sobre un triángulo estratéxico no Atlántico Sur e o estreito de Magallães entre Montevideo, Malvinas e a 3ª Zona Naval da armada de Chile con sede en Punta Arenas.

Guatemala

 Aínda que en 2021 o Congreso de Estados Unidos emitiu un decreto que prohibía a entrega de fondos aos exércitos de Guatemala, O Salvador e Honduras mentres non houbese melloras no combate á corrupción, o Departamento de Defensa utilizou un subterfuxio para burlar tal decisión ao utilizar unha partida que non está restrinxida.

 A doazón de vehículos militares J8 que Estados Unidos entregou ao goberno de Guatemala para combater o narcotráfico, en realidade foron utilizados para dar protección perimetral a axentes de seguridade privada que queimaron casas de campesiños en EEstor, Izabal, en 2021. Esta doazón inscribiuse no programa de Financiamento Militar Estranxeiro (FMF) que é o programa de asistencia militar máis grande aprobaba polo Congreso. Así mesmo, en 2018, o goberno de Jimmy Morales utilizounos para amedrentar a propia embaixada dos Estados Unidos e á Comisión Internacional contra a Impunidade en Guatemala (CICIG) xurdida dun acordo entre a ONU e as autoridades do país.

 Uns anos despois, o Congreso de Estados Unidos limitou as doazóns de vehículos ao exército guatemalteco dados os antecedentes sobre o uso destes. Xa no actual goberno de Alejandro Giammattei, nove congresistas demócratas pediron explicacións ao goberno de Biden, pero a resposta foi o silencio ante a decisión das forzas armadas de Estados Unidos de fortalecer o exército guatemalteco.

 Neste contexto, o pasado 13 de outubro, a embaixada de Estados Unidos en Ciudad de Guatemala anunciou a doazón de 95 vehículos entre camións, camionetas e motocicletas, valorados un US$4.4 millóns. Segundo o portal Prensa Comunitaria; a orixe dese diñeiro é unha partida orzamentaria do Departamento de Defensa (DOD) aprobada en 2019, durante a administración do ex presidente Donald Trump.

 Nun comentario escrito polo investigador Adam Isacson no portal da Oficina en Washington para Asuntos Latinoamericanos (WOLA), asegura que “a doazón se financiou a través dunha autoridade de construción de capacidade militar estranxeira do DOD estabelecida en 2017 como Sección 333 do Título 10 do Código dos Estados Unidos”.

 Un informe do Servizo de Investigación do Congreso (CRS) datado en marzo de 2022 fai saber que “O orzamento de operacións para o ano fiscal 2021 prohibe a axuda a Guatemala, O Salvador e Honduras, ao mesmo tempo que condicionaba o 50% doutras asignacións do Departamento de Estado relacionadas con seguridade para estes países, a que os seus gobernos combatan a corrupción, protexan os Dereitos Humanos e atendan outras preocupacións do Congreso”.

 Isacson afirmou que se estaba utilizando “un programa do DOD para proporcionar unha categoría de axuda que Guatemala non pode recibir a través do principal programa de axuda militar do Departamento de Estado”, tendo en conta que se utilizou un orzamento alternativo para financiar o exército de Guatemala pasando por arriba das limitacións estabelecidas polo Congreso que o DOD desestimou e non tivo en conta.

Panamá

 En outubro do ano pasado, a xenerala Richardson chegou a Panamá na súa segunda viaxe ao país en menos de 5 meses. Nesta ocasión, o motivo da visita foi a realización dunha “reunión bilateral sobre seguridade”. Na súa primeira viaxe do ano, en xuño, a Xefa do Comando Sur discutiu coas autoridades panameñas temas referidos á seguridade e a crise migratoria rexional. Así mesmo, participou no Diálogo de Seguridade de Alto Nivel (DSAN) entre Panamá e Estados Unidos que se celebrou nese país.

 A problemática migratorio ocupou lugar central nas deliberacións cando Panamá enfrontaba unha crise nesa materia. No contexto, só uns días antes, en Estados Unidos entrara en vixencia unha nova política que legalizou a expulsión de nacionais venezolanos que tentaban entrar pola fronteira terrestre con México ou que chegaran de forma irregular a Panamá.

 Sobre este asunto, a directora do Servizo Nacional de Migración (SNM) de Panamá, Samira Gozaine, informou que estaban “a demandar da Embaixada de Estados Unidos que nos axuden e asistan economicamente como fan con outros países. Para Estados Unidos, a crise migratoria xerada polas súas propias políticas, transformouse nunha gran oportunidade de intervención e inxerencia “legal” nos asuntos internos dos países da rexión.

Brasil

 Durante unha visita a Brasil en setembro do ano pasado, a xenerala Richardson manifestou que había un “esbozo” de forza militar conxunta entre o seu país e Brasil con helicópteros para -presuntamente- loitar contra os incendios na selva amazónica.

 Segundo o analista uruguaio Luís Vignolo “a información pasou moi desapercibida, quizais non casualmente, mentres os medios dominantes miran noutras direccións”. Pero o certo é que  houbo fortes achegamentos no ámbito militar entre os dous países durante o goberno de Jair Bolsonaro.  Tres meses antes, durante a IX Cimeira das Américas, realizada en Los Angeles, California, entre o 6 e o 10 de xuño, Brasil e Estados Unidos anunciaron un grupo bilateral de resposta rápida a fin de combater a deforestación da Amazonia brasileira, para o que se creou un grupo de traballo de alto nivel conformado por autoridades de ambos os países.

 Como antecedente, en agosto de 2019, Donald Trump designara a Brasil como “aliado preferente extra OTAN de Estados Unidos” para beneplácito de Bolsonaro e do seu vicepresidente, o xeneral retirado Hamilton Mourão. Segundo Vignolo, “Mourão fixo referencia nese marco ao papel das Forzas Armadas brasileiras como garantía fronte á toma do poder por quen considera inimigos, no que puido ser considerado unha advertencia contra a oposición ao goberno dereitista”.

 A irrupción violenta de bandas fascistas poucos días despois da toma de posesión de Lula -do mesmo xeito que ocorrera dous anos antes en Washington co protagonismo dos seguidores de Trump- e a actitude das forzas armadas ante o feito, pareceron marcar a pauta de cal sería o comportamento dos militares no mandato presidencial de Lula, xerando unha ameaza aceptada polos sectores máis reaccionarios do establishment estadounidense e por importantes sectores das súas forzas armadas que consideran os seus homólogos brasileiros como importantes aliados para o control estratéxico da rexión.

 Lula terá que enfrontar os intereses estadounidenses e europeos sobre a Amazonia, sobre todo agora que o seu “corremento” cara a posicións de centro fixo que se achegase ao Partido Demócrata que controla a administración en Estados Unidos e á socialdemocracia europea, que goberna en países como Alemaña e España, con quen estableceu lazos privilexiados que poderían facilitar o achegamento das súas forzas armadas a Brasil para unha suposta “xestión sustentábel” da Amazonia. De feito, xa Lula os convidou a “investir” en proxectos ecoloxicamente sustentábeis na rexión e asegurou que iso se fará respectando a soberanía brasileira. No entanto, non se teñen moitos detalles respecto diso.

 O moi informado analista e escritor Andrew Korybko que investigou moito as “guerras híbridas” advertiu que “unha fracción do PT podería ser usada por Estados Unidos para os seus fins de inxerencia”. Así mesmo manifestou a súa opinión acerca de que a intervención estadounidense en Brasil non cesará baixo o novo goberno de Lula, pero si cambiará de forma, asumindo un tipo de “desestabilización radical” para dar pretextos á OTAN de intervir e ‘salvar’ a un Lula politicamente coas mans atadas”.

 Koriybko opina que “todos os elementos para unha desestabilización total do Brasil están servidos, tendo en conta os problemas estruturais da economía, o escaso peso parlamentario do partido de goberno e a seria polarización na rúa entre os partidarios de Bolsonaro e os partidarios de Lula”.

Bolivia

 O plan secesionista en Bolivia vén de lonxe. Tivo unha tentativa tras o golpe de estado apoiado polos Estados Unidos contra o presidente Evo Morales en 2019 e recentemente rexurdiu na forma de violento “paro cívico” organizado por un grupo paramilitar fascista do departamento de Santa Cruz que forma parte da Amazonia boliviana que constitúe o 43% do territorio nacional.

 O operador principal da política estadounidense contra Bolivia foi Mark Falcoff, asesor da administración Bush para América Latina. No seu artigo “Os últimos días de Bolivia?”, publicado en American Outlook en maio de 2004, Falcoff “predixo” a división étnica de Bolivia tras a vaga de levantamentos populares que desembocaron no derrocamento do presidente Sánchez de Lozada en 2003.

 No seu artigo, Falcoff sinala que: “… é un feito fundamental sobre Bolivia, saber que é unha sociedade dividida ao longo de dúas grandes liñas de fractura: a raza e a xeografía”. Falcoff contrasta a situación na “Bolivia andina, pobre, con cultivos de coca para fabricar droga, violenta, subdesenvolvida e mobilizada coa próspera Santa Cruz, que xerando o 51% dos ingresos do país só recibía ‘unha pequena porcentaxe’ das ganancias xeradas polo petróleo e o gas”.

 Por iso, Falcoff recomendaba unha nova Constitución que debería “remediar a necesidade de descentralizar a autoridade e os recursos” acompañada dun “verdadeiro intento de solución federal, cunha redistribución rexional dos recursos e unha política enerxética racional”.

 Nesta lóxica inseríronse o plan que deveu no golpe de estado contra Evo Morales e o recente intento fascista para repetir tal feito, aínda que agora se elaboraron modificacións operativas sen cambiar o obxectivo de derrocar o goberno. No punto de mira do Pentágono están –como o fixo saber abertamente a xenerala Richardson- os xigantescos xacementos de litio que non se atopan na zona amazónica do país, senón no altiplano andino. A explotación e posterior industrialización do litio por empresas estranxeiras non estadounidenses espertan preocupación en Washington que non cesa nas súas intencións de desestabilizar o país.

Perú

 O pasado 18 de xaneiro de 2023 a presidenta de Perú, Dina Boluarte e o primeiro ministro Alberto Otárola dirixiron un oficio a José Daniel Williams, presidente do Congreso da República no que solicitan aprobación para autorizar “o ingreso de unidades navais e persoal militar estranxeiro con armas de guerra no interior da República”. Iso débese ler como entrada de forzas militares de Estados Unidos no momento de grandes mobilizacións contra o goberno que derrocou o presidente Pedro Castillo e usurpou o poder, ao que se opuxeron importantes sectores da poboación que sufriron a unha forte represión. Estas accións tiveron o aberto e claro apoio da embaixada e o goberno de Estados Unidos.

México

 A última hora, cando pechaba este traballo en tres entregas, chegou a información de que dous representantes do Partido Republicano de Estados Unidos, Dan Crenshaw e Michael Waltz, presentaron ante o Congreso do seu país un documento para autorizar as Forzas Armadas a realizaren operacións contra cárteles mexicanos, sen contar coa aceptación do goberno dese país.

 De feito, o presidente Andrés Manuel López Obrador rexeitou a posibilidade de que Estados Unidos decida “quen é o bo e quen é o malo” autoproclamándose “goberno do mundo”, con potestade de intervir pola forza en calquera país do planeta.

Conclusións

 Para finalizar, cómpre ter en conta que a adopción por parte de Estados Unidos do seu novo concepto militar de “disuasión integrada”, no que manifesta supostos “valores compartidos” con América Latina que en realidade non existen, procura incorporar os países da rexión á súa guerra global contra China e Rusia.

 Esta “disuasión integrada” é unha sorte de agrupamento dos recursos dos países de América para combater un inimigo supostamente común. Washington chama á “unidade” para enfrontar a quen definiu unilateralmente como inimigo, que non necesariamente é o mesmo de América Latina e o Caribe, que máis ben debe apostar pola neutralidade e a procura da paz.

 Dicíao con moita precisión en Ecuador a xefa do Comando Sur ao afirmar que “o avance de China é un problema de seguridade nacional”. E engadía que os Estados Unidos e América Latina e o Caribe debían “traballar xuntos como un equipo, xogando nas nosas respectivas posicións de maneira harmoniosa e altamente efectiva para resolver ese problema”.

 Como se viu, os instrumentos son variados, as accións manifestan distintas dimensións e características, pero todas van na liña de manter a rexión suxeita ao control estratéxico de Washington,

_____________________________________________________________________________

Nota: Este artigo non recolle a acción intervencionista dos Estados Unidos en Cuba, Nicaragua e Venezuela, porque esta foi permanente e continua durante máis de 60, 40 e 20 anos respectivamente. Cada un deles precisaría un informe especial.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 11 de marzo de 2023]