A crise da cadea de abastecemento global ten que ver co capitalismo, non coa COVID

James Dennis Hoff -

A cadea de abastecemento global just in time foi unha «bendición» para o capitalismo, ao mesmo tempo que foi terríbel para os traballadores e o medio ambiente. Pero calquera alternativa a ese modelo baixo o capitalismo probabelmente só sería peor

 Os principais medios de comunicación estanse a obsesionar repentinamente coa crise da cadea de abastecemento global. Practicamente todos os medios de Estados Unidos [e o mundo] están falando de como as continuas interrupcións da cadea de abastecemento just in time [xusto a tempo] están levando á escaseza de produtos, estantes baleiros nos supermercados, «falta de donuts» e mesmo ameazando con “acabar co Nadal”.

 Porén, esta énfase frívola na falta dalgúns bens de consumo agocha os perigos máis graves que estas interrupcións da cadea de abastecemento poden representar para a distribución de bens necesarios e, que ás veces mesmo salvan vidas, como alimentos, medicamentos e equipo médico.

 Malia a banalización que fan deste problema algúns medios, é benvida a atención repentina sobre un aspecto coidadosamente ignorado da economía global, xa que revela claramente como funciona hoxe en día e que hai detrás de produción capitalista. Aínda que os medios buscan atopar explicacións inmediatas para o «repentino» fracaso do que é un dos maiores avances para os beneficios capitalistas desde que Ford introduciu a liña de montaxe na fábrica, as causas subxacentes destas interrupcións son moito máis complexas e sistémicas.

 Durante anos analistas financeiros e académicos de esquerda estiveron sinalando que era só cuestión de tempo antes de que empezasen a facerse visíbeis as fendas na cadea de abastecemento global just in time. Finalmente, a crise climática, a pandemia e o caos económico que aínda segue xerando, fixeron que chegue ese momento e todo indica que as cousas só van empeorar.

 Mais a escaseza de distintos produtos que afecta a todo o mundo, e a interrupción da cadea de abastecemento global, non son produto desta ou daquela desfeita. Son os resultados inevitábeis dun sistema económico inherentemente inestábel baseado na lóxica da produción con fins de lucro.

 Como explicou Kim Moody -un dos intelectuais máis importantes que estudan o tema- nun recente artigo de opinión para The Guardian, a idea de cadeas de abastecemento just in time desenvolveuse orixinalmente na década de 1950 para axilizar o proceso de fabricación de automóbiles. Ao eliminar os custos supostamente excesivos de almacenamento e depósito e fabricando e entregando os bens «onde tiñan que estar no momento en que se necesitaban», a fabricación e entrega just in time reduciu radicalmente os custos laborais e permitiu beneficios empresariais masivos nun momento en que o capital estaba desesperado en busca de novas formas de mitigar a caída das ganancias que comezou a acelerarse nas décadas de 1960 e 1970.

 Na década de 1980, este método de produción empezouse a estender polas principais industrias, e desenvolveuse unha rede completamente nova de fábricas, almacéns, portos e depósitos en todo o mundo, xerando un movemento interminábel de mercadorías, que, do mesmo xeito que o sistema circulatorio do corpo humano, debe fluír continuamente ou pola contra o organismo morre.

 Estas cadeas de abastecemento serviron aos investidores e aos beneficios empresariais, especialmente despois de que o auxe de Amazon e o crecente desenvolvemento das compras en liña reduciron aínda máis a necesidade de almacenar ou mesmo exhibir produtos en comercios para o consumo. Pero eses beneficios, coma sempre, foron a expensas dos traballadores e do medio ambiente en todo o mundo. Este método de distribución hipereficiente non só provocou na actualidade unha escaseza de produtos esenciais como papel hixiénico, máscaras cirúrxicas, pneumáticos de tractor e microchips; senón que tamén destruíu postos de traballo, aumentou a explotación laboral e reduciu os salarios, á vez que está a fomentar niveis extraordinarios de consumo dilapidador de produtos que ninguén necesita e case ninguén quere realmente.

 Consideremos a cantidade case ilimitada de produtos innecesarios dispoñíbeis en Amazon. De feito, se podes imaxinar algún e escribilo nun buscador de internet, alguén nalgún lugar fabricarao case tan rápido como podes facer clic no botón «Comprar agora». Hai unha gran cantidade de televisores de pantalla plana, por exemplo, que se venden por unha simple fracción do que custaban hai cinco anos, mais os agricultores estadounidenses, literalmente, non poden colleitar os seus cultivos (dos que dependemos para vivir) por falta de pezas e materiais. E as enfermeiras non puideron acceder a equipos de protección persoal durante semanas en plena pandemia mundial, porque almacenar eses artigos e pagarlle a alguén para que os coide, simplemente non sería rendíbel.

 E aí está o problema. Estas interrupcións están sucedendo precisamente debido a, e non malia, as presións para maximizar a eficiencia e os beneficios que os defensores do capitalismo afirman que fan que o sistema sexa tan bo na creación de abundancia. Como sinala Moody, un dos elementos máis disruptivos das cadeas de abastecemento é a escaseza masiva de condutores de camións nos EUA e o Reino Unido. Mais esta escaseza non é simplemente un produto da pandemia. Décadas de salarios baixos, longas xornadas e hiperexplotación fixeron destes empregos un inferno para os traballadores. O mesmo ocorre co traballo de almacenamento e distribución (loxística), especialmente en empresas como Amazon, onde os empregados deben someterse regularmente a xornadas e ritmos extenuantes, e baixo vixilancia, para non perderen o traballo.

 E, por suposto, a cadea de abastecemento global just in time tamén contribuíu enormemente á destrución constante do medio ambiente e ao cambio climático radical e inalterábel. O fluxo interminábel de mercadorías día tras día a través de todos os océanos e todas as estradas é imposíbel sen o uso de cantidades de enerxía sen precedentes. O transporte marítimo internacional, de feito, produce máis de mil millóns de toneladas de emisións de carbono cada ano, e emite máis de 20 millóns de toneladas de óxidos de xofre velenosos. Isto é aproximadamente o 2 por cento da produción global total de emisións de carbono e igual ás emisións totais de países industrializados enteiros como Alemaña e Xapón.

 Ademais, estas emisións poderían aumentar até nun 250 por cento para 2050, segundo a Organización Marítima Internacional. Ao mesmo tempo, o cambio climático xerado por tales métodos de produción e distribución estase convertendo rapidamente na maior ameaza para estas cadeas de abastecemento. As recentes secas en Canadá, por exemplo, provocaron escaseza e picos no custo da madeira, o que tivo un impacto directo na industria da construción dos EUA.

 Pola súa banda, os incendios forestais en todo o continente causaron atrasos significativos no transporte terrestre, o que afecta a toda a cadea de abastecemento e interrompe e ralentiza tanto a fabricación como a distribución de todo tipo de produtos.

 Para Moody, todo isto é unha proba de que a humanidade necesita «deixar atrás» as cadeas de abastecemento just in time. Mais esta recomendación agocha o feito de que os problemas das interrupcións da cadea de abastecemento non se refiren só á forma en que se distribúen os produtos básicos; son endémicas da produción capitalista mesma.

 Independentemente do custo de tales interrupcións, estas cadeas de abastecemento son demasiado rendíbeis como para ser cambiadas por algunha outra forma de distribución máis racional. E Moody sabe moi ben que non se pode ir máis aló dese sistema baixo o capitalismo. A solución, a única solución, ao enigma da cadea de abastecemento radica na superación do capitalismo global como sistema de explotación e produción dilapidadora. Curiosamente, o traballo de Moody proporciona polo menos unha ollada de como podería comezar a desenvolverse esa loita. No libro de 2017 On New Terrain, móstrase como o que fai que as cadeas de abastecemento globais just in time sexan tan rendíbeis é precisamente o que tamén as fai tan vulnerábeis ás interrupcións e á sabotaxe desde abaixo. Neste momento de crise, cando centos de miles de persoas morren por falta de servizos médicos básicos, cando millóns seguen desempregadas e millóns máis deixaron de buscar traballo; cando a humanidade está no límite dun colapso ecolóxico que ameaza a vida e o sustento de centos de millóns de persoas, os traballadores da industria da loxística son máis poderosos que nunca.

 Debido a que as cadeas de abastecemento globais son tan fráxiles, os traballadores de loxística, en particular os traballadores portuarios, os condutores de camións e os traballadores dos almacéns, teñen unha enorme influencia sobre a economía global, unha influencia que só se ve minguada coa súa actual falta de organización. A loita por sindicalizar Amazon é un bo exemplo das dificultades que se aveciñan. Pero mesmo pequenas accións coordinadas en todo o sector da loxística, se están organizadas e apoiadas por traballadores doutras industrias, poderían utilizarse para obter importantes concesións tanto dos capitalistas como do Estado. Sistema de saúde público para todos, universidade pública e gratuíta, o coidado infantil universal gratuíto, investimentos masivos en enerxía renovábel e límites inmediatos ás futuras emisións de carbono son loitas que se poden gañar, á vez que inspiran e fortalecen o poder da clase traballadora.

 A cadea de abastecemento global just in time foi unha «bendición» para o capitalismo, ao mesmo tempo que foi terríbel para os traballadores e o medio ambiente. Pero calquera alternativa a ese modelo baixo o capitalismo probabelmente só sería peor. Unha economía racional que respecte os límites ecolóxicos da produción, baseada na necesidade máis que nos beneficios, é simplemente imposíbel baixo o capitalismo. Pero a burguesía, como explicaron Marx e Engels, crea os seus propios sepultureiros, a clase obreira. Aproveitar as debilidades da cadea de abastecemento global é só una das formas de acelerar ese traballo.

 

[Artigo tirado do sitio web Left Voice, do 19 de outubro de 2021]

 

Volver